Aguiño celebra o centenario da súa confraría
Aguiño celebra o centenario da súa confraría
Un seminario sobre a xestión responsable dos recursos mariños nas confrarías do presente
Homenaxe aos socios da confraría máis antigos con vidas dedicadas á pesca e ao marisqueo
A confraría de Aguiño celebrou hoxe o centenario da súa existencia. Cen anos contribuíndo co traballo de mariscadores e mariñeiros ao desenvolvemento dun sector fundamental da nosa economía, e axudando a converter Ribeira no maior porto pesqueiro de baixura de Europa.
Un 19 de outubro de 1924 asinaban a acta de constitución da confraría de Aguiño os seus fundadores, así o conmemora esta placa descuberta hoxe. 100 anos despois non quedan os protagonistas, pero si están os socios máis antigos, algúns superan os 90 anos.
"Pasei unha vida mala, morreume un irmán e meu pai afogados. A miña avoa dicíame que eu non tiña que ir ao mar, que fose carpinteiro ou así. Eu díxenlle que ía ao mar", asegura Manuel Sampedro, mariñeiro e socio homenaxeado
"Cando cheguei aos 66 anos dixéronme que tiña que retirarme porque xa tiña o tempo traballado para cobrar. Eu non quería, díxenlle que non quería porque me gustaba traballar na praia. Para min era unha marabilla, era un baile", di Josefa Ramos, mariscadora homenaxeada.
"Daquela cargabamos os barcos de sardiña e hoxe estragouse todo o mar. O mar estragouse pouco a pouco e vaise estragando. Como non miren por iso, vai chegar tempo que non hai nada", augura Sampedro.
Correspóndelles aos socios actuais garantir agora unha explotación sustentable ante a escaseza de peixe e marisco.
"Pensando no futuro resulta fundamental velar pola xestión responsable dos recursos mariños, impulsando a creación dunha reserva mariña para optimizar o control das capturas e favorecendo o seu desenvolvemento biolóxico", dixo o conselleiro do Mar, Alfonso VIllares
"Aínda que agora non estea nos momentos bos que nos ten dado, seguimos en pé e queremos berrar alto para seguir reclamando que as confrarías son importantes" reclamou o patrón maior, Xosé Antonio Santamaría
O acto de conmemoración rematou coa esperanza de que outros poidan celebrar 100 anos máis.