Collidos na allada con 115 quilos de ourizo extraído ilegalmente no Grove
Collidos na allada con 115 quilos de ourizo extraído ilegalmente no Grove
Gardapescas da confraría de San Martiño interceptan dous mergulladores con produto furtivo o día da apertura da campaña do ourizo
Un furtivo reincidente e o seu compañeiro de embarcación foron sorprendidos xa en terra con 115 quilos de ourizo que agocharan nunha praia da zona de Pedras Negras do Grove. Sucedeu este martes, a xornada de inicio de campaña para os da confraría de San Martiño.
Os autores da anomalía saíran ese día ao ourizo como outros 22 mergulladores nun total de doce embarcacións. Podían extraer 60 quilos por barco, pero a parella en cuestión arramplou con case tres veces máis, aínda que polo control só pasaron os da cota.
A practica do furtivismo prexudica a todo o persoal que vive do marisqueo, como sinala María José Castro, traballadora da confraría na lonxa do Grove: "Tanto se é ourizo, ameixa, percebe... a nós aféctanos por que quedariamos sen reservas, quedariamos practicamente sen marisco se calquera puidera ir...".
Desde o sector critican o furtivismo, por que quen extrae polo legal ten límite tamén de tempo dous días á semana. Os reproches abranguen tamén a quen merca produto obtido ilegalmente: "Sempre hai por fóra alguén que queira aproveitarse, pero o que tiña que facer a xente é unha vez que llo dan rexeitalo e dicirlle que non se pode coller ese marisco porque non é legal", sinala María José Castro.
Os 115 quilos de ourizo interceptado aos furtivos no Grove supoñen o 16 por cento do que extraeron todos os mergulladores desta zona ese día en que a cotización media foi de 14 euros o quilo.