Poucas capturas pero bos prezos no comezo da campaña do camarón con nasa nas bateas da Arousa
O plan experimental de pesca do camarón con nasa nas bateas comezou o ano pasado
Nesta campaña ampliouse de 25 a 42 embarcacións
Son algunhas das embarcacións que se dedican á pesca do camarón con nasa nas bateas da ría da Arousa. Levan 2 semanas de campaña, pero din que polo momento as capturas son escasas.
"A estatística é mala polo de agora. Non é gran cousa. Fallou moito o camarón. Ao mellor en sesenta nasas colles medio quilo, se chegas a el", explica Diego Porta, naseiro da Illa da Arousa.
Esta é a segunda campaña do plan experimental que permite a captura do camarón con nasa en arredor de 300 bateas da ría da Arousa. A escaseza de capturas, segundo os profesionais do sector, estase compensando con bos prezos nas lonxas.
"Sobre 140 ou 150 euros o quilo o camarón grade, e o pequeno estaba indo a 17 ou 20 euros, que non son malos prezos. Por iso vale, porque non hai cantidade", explica Diego Porta.
A campaña, na que participan 42 embarcacións, vaise estender ata o próximo 31 de marzo.