Democratizar a enerxía, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Democratizar a enerxía, por Venancio Salcines
Democratizar os PPA, e un pregúntase, que vén sendo, pois acordos bilaterais de compra de enerxía a longo prazo, xeralmente dez anos. A conselleira Lorenzana, e por extensión o presidente Rueda, queren que un mecanismo novo en España, existe dende hai catro anos, que é exclusivo de grandes consumidores poida estar ao alcance da pequena e mediana empresa galega.
Os PPA son importantes para os promotores de parques de renovables porque dá certeza ao seu investimento. Sabe canto custa o parque e sabe a canto vai vender a enerxía, polo tanto elimina incertezas, reduce o risco financeiro, e facilita ao promotor o aceso a financiamento bancario. O Consumidor, a PEME, ten unha vantaxe similar, mete certeza aos seus custos de produción, facilitándolle a viabilidade dos seus produtos.
A enerxía ofertada será renovable galega é parece que virá dos parques nos que entre Recursos de Galicia (RDG) como accionista. Aínda que polas verbas da conselleira non queda claro se RDG será promotor en exclusiva dalgún parque. Non sería descartable porque o risco financeiro dun parque de renovables sustentado en acordos PPA tende a cero, polo tanto non habería risco para a administración.
A maiores, pero non en menor lugar, está a venda directa a xente da contorna, que será cun desconto do 50 %, un beneficio social que premia os lugares onde están situados o parques e que fai algo máis: fainos atractivos para o investimento, tanto para as empresas da zona como para outras que queiran establecerse.