Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha reforma fiscal marcada pola improvisación, por Santiago Calvo

OPINIÓN

Unha reforma fiscal marcada pola improvisación, por Santiago Calvo

Santiago Calvo 21/11/2024 08:06

Hoxe celébrase no pleno do Parlamento unha votación crucial para o futuro da reforma fiscal do Goberno, cuxo deseño apresurado está a ser duramente criticado. O Executivo chega a esta cita condicionado polas présas para cumprir a transposición dunha directiva europea que fixa un tipo mínimo ás multinacionais e desbloquear os fondos europeos cunha reforma fiscal, pero tamén pola necesidade de xestionar os intereses enfrontados dos seus socios parlamentarios.

No pleno de hoxe hai medidas con perspectivas moi distintas. A subida dos impostos ao tabaco e aos vapeadores, coa intención de desincentivar o consumo, parece ter un amplo apoio. En canto ás SOCIMI, a proposta de revisar os seus beneficios fiscais conta con opcións de saír adiante grazas a un posible acordo entre o PSOE e outros socios, como Junts e o PNV. Pola súa parte, o imposto á banca, inicialmente rexeitado na Comisión de Facenda, podería salvarse no pleno se Bildu, ERC e BNG, que se abstiveron por consideralo pouco ambicioso, deciden apoiar a súa continuidade antes de que decaia. Pola contra, outras propostas están practicamente condenadas, como a subida do imposto ao diésel, bloqueada por unha coalición que inclúe a Sumar, BNG, PP e Vox, ou a eliminación da exención fiscal aos seguros privados, rexeitada mesmo polo PSOE.

O imposto ás enerxéticas foi o que xerou máis polémica, porque o Goberno prometeu mantelo a uns partidos (ERC, Bildu e BNG) e suprimilo a Junts. A estratexia do Goberno parece centrarse en atopar un punto intermedio: manter o imposto, pero reducindo o gravame actual. Este posible acordo permitiría prolongar a medida durante tres anos, engadindo beneficios fiscais para as empresas máis afectadas, unha concesión para atraer o apoio de Junts. A proposta, non obstante, enfróntase a críticas pola falta de consistencia, xa que para algúns socios como Podemos resulta insuficiente, mentres que para outros como o PNV segue sendo excesiva.

O desenlace desta votación depende dun delicado equilibrio de concesións e pactos a última hora que reflicten un “mercado” fiscal onde cada medida é negociada individualmente sen unha visión coherente de conxunto. Esta improvisación non só desvirtúa os obxectivos dunha reforma estrutural, senón que subliña a debilidade dun sistema de toma de decisións máis orientado á supervivencia política que ao deseño dunha política fiscal sostible e eficaz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade