Ourense e Monforte recuperan a súa conexión ferroviaria tras dous anos
Ourense e Monforte recuperan a súa conexión ferroviaria tras dous anos
O tramo só será percorrido de momento por dous trens ao día, o Alvia que conecta Galicia con Cataluña
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, inaugurou este martes a viaxe en tren do tramo entre Ourense e Monforte de Lemos, tras o remate das obras que duraron dous anos, desde novembro de 2022.
Polo momento, só circulan entre as dúas localidades dous trens ao día, un por sentido. Trátase do Alvia que conecta Galicia con Cataluña. As demais frecuencias continuarán con transbordo por estrada. Segundo Renfe, irase ampliando de xeito progresivo unha vez se habilite o persoal de condución. Contan con que o tráfico ferroviario estea completamente restablecido o 17 de decembro.
O tramo de 46 quilómetros entre Monforte e Ourense forma parte do "grande investimento que se está producindo para conectar Lugo coa alta velocidade", declara Eladio Santos. Engade que dita renovación inclúe a mellora da plataforma, as travesas, a vía, as conexións, a iluminación e a sinalización, así como a dixitalización e conexión cos centros de control de tráfico.
As obras, que se alongaron durante dous anos cando estaban previstas para rematarse en oito meses, buscan garantir a seguridade da vía e a sostibilidade deste servizo. Neste tramo ferroviario os tempos de viaxe non melloraron substancialmente como o farían con alta velocidade, pero si que se produciu unha conexión máis fiable mantendo o trazado actual da viaxe.
En relación ao seguinte tramo, entre Monforte de Lemos e Lugo, o representante do Goberno non quixo establecer prazos definitivos, apelando á complexidade das obras pola dificultade da orografía. "Aínda hai unha construción dun túnel para o que non me atrevo a dar prazos, pero está todo dentro do programado", asegurou Santos antes de realizar a viaxe inaugural en que estivo acompañado pola tenenta de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria María Prada, e o xefe da área de mantemento do Adif en Ourense, Luis Palacios.