Publicador de contidos
Publicador de contidos

A acusada do crime de Paderne admite que matou o home porque "estaba cansa del"

A acusada do crime de Paderne admite que matou o home porque "estaba cansa del"

A Fiscalía, que inicialmente pedía 20 anos de cadea, rebaixou a petición á metade, 10 anos de prisión por asasinato coa eximente incompleta por alteración psíquica

G24.gal 26/11/2024 14:19

Era a primeira vez que declaraba e fíxoo na Audiencia Provincial ante o xurado popular. A acusada de asasinar o seu home na casa onde convivían en Paderne, recoñeceu os feitos. Dixo que o matara cando estaba tombado na cama, descansando.

"Facíame moitísimas putadas. Estaba bastante cansa del. Mateino cun raño", explicou a investigada.

O seu avogado declinou facerlle preguntas. Porén nas súas alegacións iniciais expuxo que, neste caso, a súa responsabilidade está imprecisa.

"O trastorno mental transitorio, o consumo de alcol, o tempo que levaba sen medicación. Fanlle ver alucinacións, desapego da realidade. Era consciente, pero non foi un acto voluntario", di o avogado Mario Sánchez Trigo.

"Pilar tiña enfermidades mentais, pero non anulaban a súa capacidade de xuízo. Sabía perfectamente que estaba matando o seu marido", asegura a fiscala.

Nesta primeira sesión declarou, entre outros, un garda civil de Sada. O primeiro que entrou na casa onde convivían vítima e acusada. "Rompemos o cristal, e xa notamos moito cheiro. No último cuarto, na cama, atopamos un corpo tapado cunha manta", manifestou.

Os forenses declararon que a procesada, malia que tiña un trastorno da personalidade, non presentou crises psicóticas. E aseguraron que tiña coñecemento do que facía.

A Fiscalía, que inicialmente pedía 20 anos de cadea, rebaixou a petición de pena á metade. Solicita 10 anos de prisión por asasinato coa eximente incompleta por alteración psíquica. Aplica amais a atenuante de alcoholismo que supón a supresión da agravante de parentesco. A defensa adheriuse á petición da fiscala.

​​​​​​

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade