Condenado a 23 anos o home que asasinou a súa parella no Birloque
Condenado a 23 anos o home que asasinou a súa parella no Birloque
Impúxoselle a prohibición de aproximarse e de comunicarse por calquera medio cos fillos e co pai da vítima durante 30 anos
A Audiencia Provincial da Coruña, en base ao veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a 23 anos de cárcere a José Ramón Guerreiro Galdo por asasinar a súa parella no barrio coruñés do Birloque.
A vista deste caso levou a cabo a finais do pasado mes de outubro e agora o acusado foi declarado culpable dun delito consumado de asasinato, coas circunstancias agravantes de parentesco e de xénero.
Ademais da pena de prisión, impúxoselle a prohibición de aproximarse e de comunicarse por calquera medio cos fillos e co pai da vítima durante 30 anos.
O maxistrado presidente do Tribunal do Xurado, de acordo co veredicto, declarou probado que o home mantivo unha discusión coa súa parella durante a noite do 14 ao 15 de setembro de 2021 "motivada pola decisión da muller de poñer fin á relación sentimental, pedíndolle que marchase da casa, non aceptando este último a decisión de poñer fin á relación sentimental, dicíndolle que se ía arrepentir".
Tal como recolle a sentenza, na tarde do día 15 de setembro de 2021, o condenado accedeu á vivenda onde se atopaba ela e, "co propósito de acabar coa súa vida, utilizando un coitelo, asestoulle varias puñaladas, sen que a vítima tivese posibilidade algunha de reaccionar nin de defenderse ante o ataque, que tivo lugar de forma sorpresiva e repentina".
O xurado popular entendeu probado que actuou "coa intención de impoñer a súa vontade á da vítima, coa que iniciara unha relación de parella uns dous meses antes, desprezando a súa condición de muller".
Tras abandonar a vivenda, segundo a sentenza, tomou un taxi que o levou ata o aeroporto de Alvedro, na Coruña, onde mercou un billete de avión con destino a Madrid, cidade onde foi localizado e detido o día 16 de setembro.
Ademais, o Tribunal do Xurado considerou acreditado que, aínda que estaba diagnosticado de trastorno depresivo moderado e o día 15 de setembro consumiu diversas bebidas alcohólicas, "no momento de cometer os feitos non padecía ningunha alteración nas súas facultades de entendemento e vontade", polo que era "plenamente consciente dos seus actos".
Finalmente, o home foi condenado a 23 anos de cárcere, a pesar de que a Fiscalía solicitaba para el 25.