A xustiza avala que unha avoa adapte a xornada laboral para coidar da neta
A xustiza avala que unha avoa adapte a xornada laboral para coidar da neta
A sentenza recoñece o dereito atendendo a que a nai da menor está facendo unha formación e a avoa convive con elas
A senteza destaca que é un dereito recollido no Estatuto dos Traballadores
A sentenza do Xulgado do Social número 2 de Santander estima a demanda interposta por unha traballadora que solicitou adaptar a súa xornada laboral para poder coidar a súa neta menor dun ano.
O motivo é que a súa filla e a súa neta son unha familia monoparental e a primeira está a cursar un ciclo de formación de grao medio que comeza ás seis da tarde, de maneira que a traballadora pide cambiar do seu horario habitual para, en resumo, traballar menos horas polas tardes.
A empresa contestoulle que isto non era posible debido ás condicións do centro de traballo, situado nun centro comercial que abre ata as dez da noite, e argumentou que xa había tres persoas con redución de xornada por garda legal e debía prevalecer o coidado de familiares de primeiro grao.
A xuíza nega esta resposta e explica que do artigo 34.8 do Estatuto dos Traballadores establece o dereito para modificar a xornada para facer efectivo o dereito á conciliación da vida familiar e laboral, tanto para o coidado de fillos como para outra persoas dependentes se viven no mesmo domicilio, e que a única excepción é que "resulte excesivamente gravoso para a organización da empresa".
Lembra que ante este dereito a empresa ten que abrir un proceso de negociación tras o que aceptará a petición do traballador, ou ben a denegará ou exporá unha alternativa, nestes dous casos motivando as razóns.
E conclúe a xuíza que, "tendo en conta a natureza do dereito en xogo", as razóns organizativas que dá a empresa "non son suficientes", xa que "a súa negativa non pode ampararse no incremento ou modificación das quendas dos compañeiros da demandante con xornada completa, porque tal efecto é normalmente consubstancial á adaptación de xornada debatida e conduciría ao seu impedimento de forma sistemática".
Subliña que o feito de que a demandante pida adaptar a súa xornada para coidar a súa neta, coa que convive, é un suposto previsto na citada norma, que cita "familiares por consanguinidade ata o segundo grao da persoa traballadora", e na que "ningunha preferencia ou prioridade se establece (...) respecto ás de coidado dun fillo menor de 12 anos".
A sentenza, contra a que non cabe recurso, rexeita con todo a indemnización adicional de 1.250 euros solicitada pola demandante