Comeza o xuízo contra unha muller de Paderne polo asasinato do seu marido
Comeza o xuízo contra unha muller de Paderne polo asasinato do seu marido
A Fiscalía pide 20 anos de cadea para a presunta asasina
Os feitos aconteceron hai case dous anos nunha vivenda da aldea do Tercio, na parroquia de Vilouzás, no concello coruñés de Paderne. Segundo o escrito do ministerio público, ocorreron nalgún momento indeterminado, entre o 20 de decembro de 2022 e o 20 de xaneiro de 2023, cando a muller acusada se propuxo acabar coa vida do seu esposo mentres este durmía.
A presunta asasina utilizou un martelo con mango de madeira para golpear varias veces na cabeza ao home, que faleceu. Causoulle unha fractura con afundimento na zona frontoparietal esquerda e un traumatismo hemicranial severo.
A continuación, segundo a Fiscalía, envolveulle a cabeza cunha bolsa de plástico de cor azul e cubriuno totalmente cunha manta, deixando o cadáver no domicilio, que foi descuberto o 20 de xaneiro de 2023.
Dúas semanas antes, o 6 de xaneiro de 2023, a procesada chamou ao 061 para pedir asistencia médica e foi trasladada ao hospital da Coruña, onde quedou ingresada. A acusada, diagnosticada de trastorno bipolar e trastorno da personalidade, foi detida o 1 de marzo no hospital no que seguía ingresada.
A Fiscalía sinala que os feitos son constitutivos dun delito de asasinato con aleivosía, polo que solicita para a muller unha pena de 20 anos de cárcere. Concorre a circunstancia agravante de parentesco e a atenuante de anomalía ou alteración psíquica.
Os veciños da aldea falaban dun matrimonio conflitivo, con múltiples problemas ás súas costas e que non se relacionaba con ninguén máis do lugar.