Acepta 2 anos de cárcere e 60.000 € de indemnización por abuso sexual dunha menor en Vigo
Acepta 2 anos de cárcere e 60.000 € de indemnización por abuso sexual dunha menor en Vigo
Os feitos aceptados polo acusado tiveron lugar "de forma reiterada, continuada e case diaria" nos distintos domicilios en que conviviron entre 1998 e 2007
Un home aceptou dous anos de prisión, que quedou suspendida durante dous anos e medio, e abonar 60.000 euros en concepto de responsabilidade civil por abusar sexualmente, de maneira continuada, dunha menor de 16 anos en Vigo entre 1998 e 2007.
A Fiscalía pedía inicialmente 11 anos de cárcere e máis de 43.000 euros para o procesado, ao que se lle aplicaron as atenuantes analóxicas de confesión, dilacións indebidas e reparación do ano.
Nunha vista de conformidade na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, o home aceptou tamén a prohibición de achegarse a 500 metros da vítima e comunicarse con ela durante 3 anos, os dous da condena e un máis.
Tampouco poderá desenvolver profesión algunha que supoña contacto con menores durante catro anos.
O acusado consignou antes da vista 23.546,06 euros e fixo entrega na sala dun cheque por valor de 36.453,94 euros para resarcir á vítima dos danos ocasionados.
O tribunal acordou que a pena de prisión quede suspendida por dous anos e medio coa condición de que non delinca nese período, un prazo que coincide co requirido polo Ministerio Fiscal, a medio camiño entre os dous anos que quería a defensa e os tres anos que pedía a acusación particular.
Os feitos aceptados polo acusado tiveron lugar "de forma reiterada, continuada e case diaria", segundo o escrito de cualificación do Ministerio Público, nos distintos domicilios nos que conviviron en varias localidades da provincia de Pontevedra, desde 1998 ata aproximadamente o ano 2007.