14 anos de prisión por abusar sexualmente durante 6 anos dunha menor, neta da súa parella, en Pontevedra
14 anos de prisión por abusar sexualmente durante 6 anos dunha menor, neta da súa parella, en Pontevedra
14 anos de prisión por abusar sexualmente durante 6 anos dunha menor, neta da súa parella, en Pontevedra
O acusado comezou cos abusos cando a nena tiña tan só oito anos, aproveitándose da convivencia e de que quedaba ao seu cargo
A nena non contou o que lle estaba pasando "porque tiña medo, sentíndose presionada e atemorizada porque el dicía que ninguén a ía crer
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 14 anos de prisión un home que abusou sexualmente durante 6 anos dunha menor, neta da que era a súa parella, desde que contaba con 8 anos ata preto dos 15.
Segundo consta nos feitos probados da sentenza, a menor foi a vivir co seu irmán pequeno e os seus pais á casa da súa avoa, onde tamén residía o agora condenado. En 2011, desde que a nena contaba con oito anos, aproveitándose da convivencia e de que quedaba ao seu cargo comezaron os abusos.
Este individuo, "con ánimo de satisfacer as súas apetencias sexuais", dicíalle á menor "imos ver unha cousa", "imos ver un vídeo" ou, simplemente, "imos", á vez que, "para dobregar a súa vontade, collíaa do brazo e tiraba dela para levala ao cuarto" que o home compartía coa avoa paterna.
"Unha vez alí colocaba o móbil nunha caixoneira situada no seu lado da cama reproducindo un vídeo de persoas practicando sexo, sentaba a menor na cama xunto a el, aínda que outras veces estaba botada, quitáballe a camiseta e tocáballe o peito e a boca, masturbándose ao tempo e indo ao baño antes de exacular, mecánica que reiteraba cada vez que cometía estes feitos.
Repetíase cada vez de forma máis continua, chegando a producirse unha vez á semana ou dúas como máximo", relata a sentenza. Este comportamento foi a máis ata realizar tocamentos dos xenitais da menor, con acceso carnal, en múltiples ocasións.
Durante o tempo en que duraron os abusos, a nena non contou o que lle estaba pasando "porque tiña medo, sentíndose presionada e atemorizada porque el dicíalle que ninguén a ía crer, que a súa avoa queríalle máis a el que a ela e que todo era consentido". Por mor destes feitos a menor sufriu un dano psíquico polo que seguiu un tratamento psicolóxico.
Por iso, a sala condena este home por un delito continuado de agresión sexual con acceso carnal mediante a introdución vaxinal de membros corporais, sendo a vítima menor de 16 anos, para o que o autor empregou a intimidación e aproveitouse dunha situación de prevalimiento. Tamén se lle impón a prohibición de aproximarse á vítima a menos de 500 metros durante 16 anos. Cabe interpoñer recurso.