Tres anos de prisión para un veciño de Narón por abuso sexual a un menor que coñeceu por Internet
Tres anos de prisión para un veciño de Narón por abuso sexual a un menor que coñeceu por Internet
O home negou coñecer a idade da vítima: "Percibín un encontro entre adultos"
Ademais terá que pagar unha multa por delito de exhibicionismo
A Audiencia Provincial da Coruña condenou un home, veciño de Narón, a tres anos de prisión por delito de abuso sexual a un mozo ao que coñeceu por Internet e que era menor de idade no momento dos feitos, algo que no xuízo o acusado negou que soubese. "Percibín un encontro entre adultos", sostivo na súa declaración.
Mentres, a sentenza absólveo dos outros dous delitos que se lle imputaban, de contacto a través de Internet cun menor de 16 anos para concertar un encontro sexual e de elaboración de pornografía infantil. Con todo, condénao ao pago dunha multa por exhibicionismo.
Trátase dunha resolución tras un xuízo que mandou repetir o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao estimar a apelación da acusación particular contra a sentenza absolutoria da primeira vez. O home enfrontábase, inicialmente, a penas que sumaban 14 anos de cárcere.
Os feitos tiveron lugar en agosto do ano 2020 cando o acusado, segundo Fiscalía, contactou co mozo a través de dúas redes sociais diferentes. Mantivo conversacións de contido sexual coa vítima e envioulle fotos completamente espido.
O home sostivo que foi o menor quen contactou con el primeiro e que concertaron un encontro "a cegas" coa finalidade de manter relacións sexuais. En contraposición, o mozo dixo que lle comunicara a súa idade, que tiña "case 15 anos".