Podemos di que informou a Yolanda Díaz en 2023 dunha denuncia por acoso contra Errejón
Podemos di que informou a Yolanda Díaz en 2023 dunha denuncia por acoso contra Errejón
A dirección de Más Madrid insiste en que "ninguén sabía nada" do comportamento machista de Errejón
Manuela Carmena: "É terrible"
Rita Maestre asegura que dous dos casos denunciados tiveron lugar cando ela era parella do político
A esquerda segue conmocionada polas denuncias de abusos sexuais contra Íñigo Errejón. Manuela Carmena, que fundou con el Más Madrid, cualifica o caso de "terrible".
A dirección actual do partido compareceu este luns ante a prensa. Insisten en que ninguén sabía nada. Mónica García, ministra de Sanidade, recoñeceu que si pensaban que Errejón tiña "problemas persoais", pero que eran "doutra índole".
"Ninguén neste espazo coñecía estas condutas de Íñigo Errejón. Se non, non lle recomendariamos apoio profesional, iriamos directamente a unha comisaria", dixo García nesa conferencia de prensa.
Tampouco tiña sospeitas quen foi parella de Errejón varios anos. Rita Maestre asegura sentirse "profundamente enganada" por el, tras coñecer a denuncia que hai na policía e os cinco testemuños de acoso sexual que se publicaron ata o momento. Dous dos casos, asegurou Maestre, producíronse cando aínda eran parella.
Si coñecía o partido un chío publicado o verán do ano pasado en que unha moza acusaba a Íñigo Errejón de facerlle tocamentos nun concerto e unha deputada de Más Madrid, Loreto Arenillas, de tapar o caso.
O partido pediulles explicacións e, segundo a voceira de Más Madrid na Asemblea, Manuela Bergerot, "os dous minimizaron a agresión" e a investigación pechouse. Por iso, a organización pediu este luns "perdón".
Tamén en Podemos souberon dese chío de xuño de 2023. "O único que fixemos foi comunicarllo a quen entendiamos que podía facer algo ao respecto: Yolanda Díaz", asegurou Pablo Fernández, voceiro dos morados.
Agárdase que Yolanda Díaz dea explicacións esta tarde, na reunión que manterá co seu grupo parlamentario e na que se coñecerá, previsiblemente, o novo voceiro do partido.
O PSOE avala a actuación de Sumar, aínda que pide ir máis alá. Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior, instounos a levar a cabo un proceso, "que ten que ser rápido" en que se asuman responsabilidades, "porque non hai que obviar que a cuestión é grave".
O PP expresa o seu apoio ás vítimas destas agresións ao tempo que critica o Goberno. "É lamentable que o Goberno de España so poida ofrecerlles a súa hipocrisía", asegurou Alberto Núñez Feijóo, que tamén acusa a coalición de "encubrir" a violencia sexual.