Cita de estrelas Michelin no congreso Gastromovida de Vigo
Cita de estrelas Michelin no congreso Gastromovida de Vigo
Os chefs galegos aspiran a renovar e mesmo sumar novas estrelas esta noite en Murcia
En Galicia hai 17 establecementos coa distinción, dous deles con dobre estrela
Nervios e ilusión entre os estrelas máis brillantes da nosa cociña. En poucas horas saberase se Galicia revalida o número de restaurantes distinguidos coa estrela Michelin.
"Esperamos mantela porque seguimos facendo o mesmo de antes. Conservamos unha filosofía que prioriza a nosa cultura, a nosa tradición e sempre pon por diante a marca Galicia", explica Lydia del Olmo, restaurante Ceibe de Ourense.
Confían en renovar as 17 estrelas actuais, mesmo que a familia creza.
"Oxalá, sería moi bo para Galicia. Vivimos un momento máxico, con dous restaurantes que teñen dúas estrelas. Podería haber sorpresas esta noite", di Rafa Centeno, do restaurante Maruja Limón de Vigo.
Tal e como explicaron no congreso Gastromovida, a alma, a técnica e, sobre todo, o produto explican o boom da cociña galega.
"Eu sempre digo que os cociñeiros galegos temos medio choio feito, temos o mellor produto do mundo", comenta Xosé Magalhaes, do restaurante Ceibe de Ourense.
Da materia prima, da importancia dos detalles e da industria da restauración se está a falar neste encontro, seguido con atención por moitos alumnos de hostalería.
"Son un referente para nós con vistas aa futuro, para poder chegar a parecernos a eles", di Jorge Lima, alumno do CIFP Manuel Antonio de Vigo.
Quizais algún día eles tamén luzan as estrelas na chaqueta. Polo momento, aprenden dos mellores nesta cita que instala o mellor da gastronomía ata o xoves no Tinglado do porto de Vigo.