A Guía Michelin entrega este martes as súas cobizadas estrelas
A Guía Michelin entrega este martes as súas cobizadas estrelas
Sigue a gala en directo a partir das 18:30 horas
Este martes ás 18:30 horas, a Guía Michelin entregará en directo as súas cobizadas estrelas, que recoñecen ano tras ano a calidade e innovación dos restaurantes españois. A gala reunirá os principais cociñeiros de todo o territorio, ademais dos novos referentes en termos de gastronomía.
A Cerimonia terá lugar no Auditorio e Centro de Congresos Víctor Villegas de Murcia e reunirá os 15 cociñeiros distinguidos coas tres estrelas, os 32 que posúen dúas e gran parte dos 225 que contan cunha estrela Michelin. Tamén estará presente unha importante representación dos que aspiran a ser recoñecidos na Guía Michelin de 2025.
A Guía Michelin outorgará unha, dúas ou as prestixiosas tres estrelas aos mellores restaurantes; as Estrelas Verdes para os establecementos comprometidos coa gastronomía sostible, a natureza e o futuro do planeta, e os Bib Gourmand para os restaurantes de carácter informal pero de gran calidade. Tamén se recoñecerá o Mellor Sommelier de España e outorgarase o Premio ao servizo de Sala.
Outros dos galardóns destacados da gala son o Mentor Chef Award, en posesión actualmente de Juan Mari Azak, e o Young Chef Award, que ten Martina Puivert, cociñeira do restaurante Les Cols de Olot (Xirona).
O evento poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube da Guía Michelin e no seu Facebook. A gala concluirá cunha cea show-cooking coordinada polo cociñeiro Pablo González-Conejero Hilla, do restaurante Cabaña-Buenavista, de El Palmar (Murcia), con dúas estrelas Michelin. Estará acompañado por 11 cociñeiros doutros restaurantes murcianos tamén recoñecidos pola Guía Michelin.
A recepción dos invitados correrá a cargo de María Morales, apaixonada da gastronomía, con formación en cociña e sommelier e propietaria de Esencia, un restaurante de Tomelloso (Castela-A Mancha) que reflicte a súa visión da cociña como unha experiencia íntima en que o viño e os sabores se mesturan para crear momentos memorables.
As estrelas de Galicia
Actualmente, hai 15 restaurantes galegos recoñecidos cunha estrela Michelin. A incorporación máis recente foi o restaurante Terra, en Fisterra. O seu xefe de cociña, Brais Pichel, levou o galardón na Gala Michelin de 2023. A esta lista súmanse dous restaurantes con dúas estrelas Michelin: Culler de Pau de Javier Olleros, en Cambados, e Pepe Vieira, un restaurante en Raxó-Poio levado por Xosé Cannas.