Rueda pídelle a Sánchez a transferencia das competencias meteorolóxicas
Rueda pídelle a Sánchez a transferencia das competencias meteorolóxicas
O presidente da Xunta asegura que isto permitiría lanzar dende Galicia os avisos por fenómenos meteorolóxicos adversos e ser máis precisos
Meteogalicia conta con 160 estacións medidoras en Galicia, o triplo que a Axencia Estatal de Meteoroloxía
Ademais de dar a previsión do tempo, Meteogalicia manexa a diario información imprescindible, por exemplo, para facilitar a extinción dos incendios, avisar das vagas de calor ou de posibles desbordamentos dos ríos con ata tres días de antelación.
Xoán Taboada, coordinador de Meteogalicia, explica que isto é importante porque "os ríos que están dentro de Augas de Galicia son pequenos e, se se mide un caudal de auga bastante grande, non hai moito tempo para avisar".
O presidente da Xunta destacou o labor de Meteogalicia e pediulle de novo ao Goberno central que transfira a Galicia as competencias meteorolóxicas para que as alertas se poidan lanzar dende a comunidade.
Alfonso Rueda asegura que dende o Goberno galego xa lle pediron a Pedro Sánchez a transferencia varias veces "a última vez en outubro sen resposta".
"A razón de pedila é sinxela, temos un servizo meteorolóxico de moita calidade e con capacidade para determinar as alertas e en función delas activar os medios de emerxencias, a día de hoxe esas alertas son dadas pola Aemet", di Rueda.
Meteogalicia conta con 160 estacións medidoras en Galicia, o triplo que a Axencia Estatal de Meteoroloxía.