Publicador de contidos
Publicador de contidos

Piden unha intervención no río Valdecorvos, en Pontevedra, para evitar inundacións

Piden unha intervención no río Valdecorvos, en Pontevedra, para evitar inundacións

Denuncian enchentes en locais, garaxes e vivendas varias veces no ano

O Concello está a estudar varias opcións, pero, de momento, non hai decisións en firme

G24.gal 26/11/2024 14:12 Última actualización 26/11/2024 15:01

Protéxense con solucións que teñen á man porque o problema xa vén de vello, pero agora as enchentes son cada vez máis frecuentes. 

"Esta é a terceira este ano. Houbo que poñerlle uns inventos de por unha trampilla e andar a correr", denuncia Roberto Ruibal, un hostaleiro afectado.

Viven nunha zona inundable. Está catalogada así, e confírmano en carne propia cada vez que cae máis auga da conta. De feito, este é o resultado de quince minutos de choiva intensa. 

"As pluviais e as fecais que veñen polo río, non sabemos exactamente onde se xuntan, pero veñen ata aquí e métense no garaxe. O cheiro o outro día era inaguantable", explica Ángel Fontenla, da Asociación Altamira-San Sadurniño.

O seu garaxe é o primeiro afectado, pero non o único. As rúas máis próximas convértense en ríos e a situación tende a empeorar.

"Debido ás urbanizacións que están facendo en Valdecorvos e na Avenida de Lugo, cada vez acumúlase máis auga de pluviais e o río, que xa estaba saturado, agora está máis saturado", sinala Enrique Malvar, da Asociación Altamira-San Sadurniño.

"Está contaminada, os nitratos están polas nubes. Esta auga non é saudable para estar preto da xente", engade Fontenla.

Piden solucións antes de que os danos sexan maiores. Enriba da mesa, varias propostas. 

"A cuestión sería facer un desvío de pluviais ou algún tipo de balsa de retención de augas para non saturar o río Valdecorvos", apunta Malvar.

O Concello confirmábanos esta mesma mañá que están estudando medidas nesa mesma dirección, pero, de momento, non hai decisións en firme.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade