Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre un operario ao colapsar o tellado dun colexio afectado pola DINA en Valencia

Morre un operario ao colapsar o tellado dun colexio afectado pola DINA en Valencia

Outra persoa feriuse de gravidade tras caer parte do edificio, que estaba precintado, en Massanassa

Defensa asegura que militares da UME que estaban no interior están ben

Pedro Sánchez trasladoulle a súa solidariedade á familia e amigos do traballador falecido

Morre un operario e outro ferido tras a derruba nun colexio en Massanassa (Valencia)
G24.gal 24/11/2024 13:58 Última actualización 24/11/2024 16:04

Un operario faleceu e outro resultou lesionado nunha perna tras derrubarse este domingo pola mañá parte do tellado do colexio Luis Vives da localidade valenciana de Massanassa, segundo informou o Centro de Coordinación de Emerxencias e Policía Nacional. O home tiña 51 anos.

O teito do colexio viuse abaixo por causas que se investigan, con varias persoas no interior, entre eles tamén militares da UME que conforme informa Deafensa están ben.

Ata a zona trasladáronse axentes da Policía Nacional do Grupo de Homicidios e da Brigada de Policía Científica de Valencia para investigar as causas da derruba do centro situado na rúa Joanot Martorell de Massanassa.

O Consorcio Provincial de Bombeiros de Valencia mobilizou ata a zona dúas dotacións de bombeiros de Torrent e Catarroxa, un sarxento, un xefe de sector e un oficial do corpo provincial, así como efectivos de emerxencias e medios sanitarios.

A directora xeral de Prevención de Incendios, Rosa Tourís, preguntada sobre o derrubamento tras a reunión do Centro de Coordinación Operativa Integrado, asegurou que "todos os servizos de emerxencias se atopan na zona da derruba traballando" e estase "valorando o alcance real dos danos".

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, trasladou o seu agarimo e a súa solidariedade á familia, amigos e compañeiros do traballador que faleceu mentres realizaba labores de limpeza no colexio de Massanassa.

O centro é un dos máis afectados polas inundacións, ata o punto de que se estaba sopesando a súa reconstrución desde cero. Segundo explica o director do Luis Vives, Salvador Crespo, os servizos de inspección da Consellería de Educación revisaron o estado do colexio e precintárono ao presentar un nivel vermello, o máis grave e con risco de derruba.

Nos muros do centro impactaron non menos dunha vintena de vehículos o día da DINA, polo que o seu estado era moi fráxil. De momento, os alumnos estaban recolocados na antiga Facultade de Maxisterio de Valencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade