Os expertos recomendan prender lume con pastillas e evitar o uso de líquidos inflamables
Os expertos recomendan prender lume con pastillas e evitar o uso de líquidos inflamables
Está desaconsellado o uso directo de alcol sobre as lapas
Prender a cheminea con alcol saíulle caro a unha persoa veciña de Barreiros. Acabou no hospital da Mariña, en Burela, debido ás diversas queimaduras sufridas.
O alcol é unha substancia extremadamente inflamable. Pode, por tanto, resultar perigoso empregalo para prender lume na casa, polo que os expertos desaconsellan o seu uso directo sobre as lapas.
Alberto Cela, cabo dos bombeiros de Sarria: "Sempre que tratemos con líquidos inflamables, o risco que teñen é a súa tendencia a emitir vapores que arden con moita facilidade. Incluso poden chegar a ser explosivos".
Fernando Barbosa, desenfeluxador: "Pode producir unha explosión e irche o lume a ti, porque estás botando líquido nun sitio con pouco espazo. Pode producir unha deflagración que non sabes cara a onde vai, ir co risco de que che produza feridas complicadas".
Para evitar accidentes no prendido da cheminea, recoméndase seguir as instrucións do fabricante.
En todo caso, aconséllase o uso de sólidos coma as pastillas de acendido e absterse de empregar piñas ou leña verde, xa que poden impregnar os condutos de resina, que tamén é inflamable.
Fernando Barbosa, desenfeluxador: "Débese acender con pastillas. Cunha piña, pódeche producir máis resina na cheminea, pero é moito máis seguro ca a gasolina ou ca o alcol, que non vas poder controlar ao prenderlle lume".
Si que existe no mercado bioetanol para o acendido de chemineas, pero debe usarse sempre nun depósito específico.