Algunhas zonas da Habana comezan a ter luz tras o apagamento total na illa
Algunhas zonas da Habana comezan a ter luz tras o apagamento total na illa
As autoridades aseguran que traballan sen descanso para restablecer a subministración
A mellora do tempo permitiría distribuír as entregas pendentes de combustible
Algunhas zonas da capital de Cuba comezan a ter enerxía eléctrica tras o apagamento total que deixou a illa ás escuras. O presidente do país admite que a situación é tensa e complexa e asegura que traballarán sen descanso para paliar esta emerxencia enerxética.
A vida en Cuba semella cada vez máis difícil, mesmo para unha illa afeita á escaseza e onde os apagamentos son habituais desde hai varios anos.
"Teño dous nenos pequenos, é complicado, a calor, a comida, pero estamos sobrevivindo e é o que toca agora aguantar".
"Complícase a vida máis, temos unha nena pequena, todo o que hai no refrixerador todo se perde, descomponse".
O sistema enerxético colapsou este venres por unha avaría nunha das plantas principais do país. Máis de 10 millóns de persoas quedaron sen subministración eléctrica e sen saber cando se restablecerá o servizo.
"Cada vez máis apagamentos e máis apagamentos, imaxine vostede, isto está xa a punto do colapso".
O goberno pechou escolas e industrias non esenciais para reservar enerxía. Este sábado catro pequenas zonas da Habana comezaron a ter luz.
"E agora quedamos sen Internet tamén e no restaurante non daban comida porque non había enerxía".
O sistema eléctrico cubano está nunha situación moi precaria tras 40 anos de uso sen investimentos nin mantemento e tamén pola falta de combustible e a escaseza de divisas para mercalo. Cuba produce pouco e os seus aliados, Venezuela, Rusia e México reduciron os envíos.
"De todos os factores que inflúen, a falta de combustible é o que máis incide".
Os apagamentos continuos prexudican a economía cubana e aumentan o descontento social.
"É unha situación crítica para nós, non o concibimos porque o que nos interesa é ter luz, non as explicacións que nos poidan dar".
O presidente do país afirmou que non haberá descanso ata recuperar a subministración. Mentres, os responsables do servizo confían en que a situación mellore nos próximos días cando mellore o tempo e se poidan distribuír as entregas de combustible pendentes.