Publicador de contidos
Publicador de contidos

Seis mortos pola tormenta tropical Óscar ao seu paso polo oriente de Cuba

Seis mortos pola tormenta tropical Óscar ao seu paso polo oriente de Cuba

Os evacuados cóntanse por miles e están por avaliar os cuantiosos danos en infraestruturas públicas, vivendas e a agricultura, especialmente o café

Reuters
G24.gal 22/10/2024 08:04 Última actualización 22/10/2024 14:20

Polo menos seis persoas morreron este luns polas fortes choivas e as inundacións provocadas polo paso da tormenta tropical Óscar polo extremo nororiental de Cuba, informou a Defensa Civil.

O xefe do departamento de Operacións do Estado Maior Xeral da Defensa Civil, Argenis Perales Pérez, explicou que as mortes se produciron no municipio San Antonio do Sur, na provincia de Guantánamo (leste), sen achegar máis detalles do suceso.

Óscar, que entrou en Cuba como furacán de categoría 1 (de 5) na escala Saffir-Simpson o domingo pola tarde, pasou algo máis de 24 horas sobre a illa, acompañado por fortes ventos, intensas choivas e marusías.

Segundo o Instituto de Meteoroloxía (INSMET), tocou terra preto de Baracoa ás 18:10 hora local do domingo e abandonou o territorio cubano polas proximidades de Gibara sobre as 19:20 hora local deste luns.

Polo camiño, Óscar deixou en Cuba fortes ventos, de ata 130 quilómetros por hora; intensas choivas, con acumulados de ata 300 milímetros en 24 horas, e marusías que provocaron penetracións inéditas nalgunhas cidades costeiras como Baracoa.

Con todo, o seu paso por Cuba debilitou notablemente a Óscar, que na actualidade vai acompañado por ventos entre 30 e 45 quilómetros por hora. As choivas e tormentas eléctricas deste fenómeno seguirán afectando nas próximas horas á illa caribeña, especialmente en áreas montañosas, segundo o INSMET.

Os evacuados cóntanse por miles e son cuantiosos, aínda sen avaliar, os danos en infraestruturas públicas, vivendas e a agricultura, especialmente o café.

Óscar é a décimo quinta tormenta tropical da actual tempada ciclónica no Atlántico e a primeira que toca terra en Cuba.

Os servizos meteorolóxicos dos EUA e Cuba alertaron xa hai meses de que esta tempada de furacáns no Atlántico, que abarca do 1 de xuño ao 30 de novembro, ía ser especialmente activa.

A última vez que un gran furacán golpeou Cuba foi en setembro de 2017, cando Irma avanzou de forma paralela á costa norte da illa e causou dez mortos e perdas materiais valoradas oficialmente en 13.185 millóns de dólares. 

A chegada da tormenta tropical pillou Cuba en plena crise enerxética polo colapso da rede eléctrica.

Catro días despois do apagamento total, dous terzos da poboación continúan sen luz e nalgúns barrios da Habana os veciños mostran o seu descontento batendo cazolas nas rúas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade