Máis de 3.000 vivendas danadas en Cuba tras o paso do furacán Rafael
Máis de 3.000 vivendas danadas en Cuba tras o paso do furacán Rafael
As provincias máis afectada son Artemisa e Mayabeque, no oeste da illa
O furacán Rafael danou un total de 3.266 vivendas nas provincias Artemisa e Mayabeque, dous dos territorios máis afectados polo ciclón tropical que tocou terra o pasado mércores.
En Artemisa, por onde Rafael tocou terra o mércores pola tarde como un furacán de categoría tres, as casas afectadas suman as 2.825, segundo o diario oficial Granma. En Mayabeque contabilizaron 441 vivendas con “danos significativos” e reportaron prexuízos a agricultura do mesmo xeito que en Artemisa. Na Habana informaron a véspera sobre máis de 461 derrubes entre totais e parciais.
Rafael tocou terra por Praia Majana en Artemisa como furacán de grande intensidade na tarde do mércores. Cruzou a illa de sur a norte durante máis de dúas horas. O Instituto Meteorolóxico rexistrou choiva de ata 195 litros por metro cadrado. O forte vento provocou, segundo as autoridades cubanas, a desconexión total do Sistema Eléctrico Nacional o mércores, o segundo evento de “cero cobertura enerxética nacional” en case tres semanas
Polo momento non se reportaron vítimas mortais, como salientou en redes o chanceler cubano, Bruno Rodríguez.
Rafael é o segundo furacán que toca terra en Cuba en 2024. O anterior foi Óscar, que azoutou por 24 horas o extremo nororiental da illa entre o 20 e 21 de outubro deixando oito mortos, 12.000 vivendas danadas e 13.000 hectáreas de cultivo afectadas.