O furacán Milton deixa xa polo menos 16 mortos, tres millóns de usuarios sen luz e danos millonarios
O furacán Milton deixa xa polo menos 16 mortos, tres millóns de usuarios sen luz e danos millonarios
O furacán Milton deixa xa polo menos 16 mortos, tres millóns de usuarios sen luz e danos millonarios
Seis dos falecementos debéronse a tornados ocorridos antes da súa chegada
Un millón de desprazados e tres millóns de fogares sen electricidade
O gobernador de Florida admite que non se deu o peor escenario
Milton avanza xa no Atlántico, tras cruzar a península de Florida de oeste a leste e deixar tras de si un rastro de destrución. Tocou terra a pasada madrugada como un furacán de categoría 3 dunha escala de 5, con ventos de máis de 200 quilómetros por hora.
Polo camiño, derrubou árbores, tendidos eléctricos e tellados, como o do estadio do equipo de béisbol de Tampa. As chuvias torrenciais bateron rexistros históricos: en San Petersburgo caeu máis auga esta noite que no resto do ano e o mar creceu 3 metros por riba do seu nivel habitual.
"Nacín aquí e nunca vira nada igual", conta Daniel, mentres contempla o seu negocio mergullado.
Tanto o presidente Biden como o gobernador de Florida, Ron de Santis, instaron a poboación a non saír das casas, para facilitar que os equipos de rescate despexen as rúas. "A tormenta foi significativa, dicía de Santis, non nos deixou o peor escenario nin foi tan significativa como Helene".
Aquel furacán causou hai 13 días máis de 200 mortos. Polo momento, Milton deixa 16. Hai máis de tres milllóns de persoas sen luz e máis dun millón que deixaron as súas casas como medida preventiva. Unha delas é a galega Lucía Fandiño.
"Xente tratando de protexer as súas vivendas e a súa vida, tapiando fiestras con madeiras, con cintas, poñendo sacos de area para evitar inundacións, tivemos que percorrer 3 gasolineiras para atopar combustible, moita cola nos supermercados, xa que as autoridades nos dicían que tiñamos que ter víveres para subsistir durante tres días", detalla.
Aínda que Milton xa se afasta da terra e quedou reducido á categoría 1, as autoridades alertan do risco de maresías ciclónicas coincidindo coa preamar. Tamén piden manter as precaucións, porque Milton aínda seguirá deixando refachos de 130 quilómetros por hora. Agora toca avaliar os danos: algúns analistas estiman que rozarán os 60.000 millóns de dólares.