O presidente Biden asegura que o furacán Milton causou 50.000 millóns en danos
O presidente Biden asegura que o furacán Milton causou 50.000 millóns en danos
Dezaseis persoas faleceron debido ao furacán e máis de dous millóns seguen sen electricidade
O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, asegurou este venres que o furacán Milton causou danos estimados en 50.000 millóns de dólares ao golpear Florida, provocando inundacións, destrución e polo menos 16 mortes.
Biden, que viaxará o domingo a Florida para examinar os danos, dirixiuse aos afectados polo furacán e asegurou que o Goberno federal fará todo o posible para axudarlles a recuperarse.
O furacán tocou terra a noite do mércores en Sesta Key, preto da cidade de Sarasota (oeste de Florida), con ventos máximos sostidos de 205 quilómetros por hora, é dicir, categoría 3, e atravesou a península para saír pola costa este a o Atlántico a mañá do xoves.
O furacán non ocasionou o peor escenario previsto, aínda que o ciclón deixou destrución nalgunhas áreas e polo menos 16 mortos, na súa maioría por tornados no centro e sur do estado.
Ademais, de acordo coa web especializada PowerOutage, máis de 2,2 millóns de clientes de Florida atopábanse ata o mediodía deste venres sen electricidade, especialmente nos condados afectados polo traxecto de Milton.
Milton é o segundo furacán que toca Florida en case dúas semanas, tras o impacto do poderoso furacán Helene, que entrou polo noroeste deste estado con categoría 4 o pasado 26 de setembro e deixou un ronsel de devastación en seis estados do sueste dos Estados Unidos e máis de 230 mortos.