Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gonzalo Pérez Jácome declara como investigado por inxurias a un traballador municipal

Gonzalo Pérez Jácome declara como investigado por inxurias a un traballador municipal

O rexedor publicou nas súas redes sociais unha fotografía do funcionario sen consentimento previo, acompañada dunha mensaxe denigrante

Gonzalo Pérez Jácome chegando ao Xulgado de Instrución número 2 de Ourense / EP Gonzalo Pérez Jácome chegando ao Xulgado de Instrución número 2 de Ourense / EP
G24.gal 27/11/2024 17:30

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, declarou este mércores no Xulgado de Instrución Número 2 da Cidade das Burgas como investigado por un delito de inxurias a un traballador municipal.

Os feitos tiveron lugar en setembro de 2023, cando o rexedor publicou en redes sociais unha fotografía do traballador en cuestión, acompañada dun comentario no que reprochaba que este mesmo "non fichaba" a través do sistema de control horario do concello. A imaxe foi subtraída sen autorización do Facebook do traballador. Jácome aludía que mirara o historial do funcionario no programa para ter esta información. O traballador atopábase de baixa e por iso non fichara, dato que o alcalde confirmou que descoñecía. 

Este mércores, Jácome acudiu ao xulgado acompañado do seu avogado, sen facer declaracións aos medios. Con todo, o representante da acusación detallou que o alcalde se acolleu unicamente a contestar as preguntas do seu avogado e da xuíza e detallou que si foi o autor da publicación e que como máximo responsable do Concello ten acceso aos datos dos funcionarios do mesmo. 

A súa defensa, engade o avogado do traballador, é que a publicación "é unha crítica e non unha inxuria" a un representante sindical, xa que o traballador é tamén delegado sindical de Comisións Obreiras no Concello. Con todo, o letrado aclara que na publicación mencionada "fala textualmente de traballador do Concello". Para a acusación particular "será obxecto de decisión xudicial" que unha autoridade municipal publique datos relativos aos traballadores e entende que "a declaración do querelado vén confirmar os extremos da querela".

O avogado do querelante apuntou que aínda que a publicación foi eliminada meses despois, a dignididade da persoa xa estaba danada. "Cando se insinúa que alguén é un vago e non cumpre co seu traballo a calquera nos afectaría gravemente", expresou o avogado, á vez que pediu que se depuren responsabilidades, xa que non se deberían permitir este tipo de comentarios e publicacións por parte dun representante do Concello.  

A acusación particular considera que o alcalde tamén incorreu nun delito de revelación de segredos e nun delito contra a integridade moral, pola exposición pública do prexudicado a través do comentario presuntamente difamatorio. Con todo, a maxistrada entende a querela por inxurias graves, pero desestima a solicitude dos outros dous delitos. Por iso, a acusación xa avanzou que presentará un recurso.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade