Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dimite o edil do PP de Ourense Miguel Michinel tras facilitar o partido modificacións orzamentarias a Jácome

Dimite o edil do PP de Ourense Miguel Michinel tras facilitar o partido modificacións orzamentarias a Jácome

A dirección popular ourensá "respecta" a decisión, que comunicou ao grupo municipal pouco antes de facelo público

G24.gal 08/11/2024 20:18 Última actualización 08/11/2024 21:16

O concelleiro do PP de Ourense Miguel Michinel anunciou que renuncia á súa acta no Concello. Fíxoo despois de que a súa formación decidise 'dar aire' de novo ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ao facilitar a aprobación de oito modificacións orzamentarias por valor de 20 millóns de euros que amplían a súa marxe económica de actuación.

Precisamente, Miguel Michinel ausentouse do pleno extraordinario no que se ratificaron as modificacións, do mesmo xeito que a súa compañeira Sonia Ogando. Esta acudiu ao que tivo lugar este venres, pero non así Michinel, que pouco despois facía pública a súa renuncia.

Fontes da dirección da formación popular ourensá trasladaron que esta dimisión constitúe unha decisión persoal que "respectan", aínda que aseguran non compartir as valoracións do edil. Agradécenlle, iso si, o tempo dedicado ao grupo. As mesmas fontes concretaron que comunicou a súa decisión ao grupo municipal pouco antes de facelo público.

E é que Michinel expuxo as súas razóns nun comunicado no que, entre outras cuestións, apunta que foi "unha honra e un privilexio" ocupar o posto de edil no Concello de Ourense e "máis" no grupo municipal do PP, tras a invitación para sumarse á política municipal activa "cursada", apunta, polo exalcalde Manuel Cabezas, a quen os populares recuperaron como candidato nas últimas locais.

"Resulta difícil poder compaxinar a miña carga de actividade profesional actual cun posto político da forma que sería idónea. Desexo o mellor aos meus compañeiros do Grupo Municipal, que sempre poderán contar coa miña colaboración", subliña e alude a varias razóns para dar o paso, entre elas, a que se produciu "un incremento" das súas responsabilidades na universidade "desde hai uns meses".

Tamén alega que é "difícil non frustrarse fronte ao implacable escrutinio público ao que se somete constantemente o labor do Grupo Municipal Popular, co moito máis benevolente que reciben outros grupos políticos, ás veces, en igualdade de circunstancias".

"Interminables soliloquios"

"Coa agravante engadida de que algúns deses grupos políticos nos critiquen cinicamente nos plenos, mentres decide antepoñer ao actual alcalde fronte a calquera dos meus preparados compañeiros ou compañeiras do Grupo Municipal Popular. Surrealista", incide.

"E todo iso aderezado con interminables soliloquios, pleno tras pleno, completamente baleiros de contido, cando non ateigados de falacias, que causan á vez rubor e estupefacción, polo menos, a quen está afeito á solidez do discurso académico", agrega, ademais de desexar o mellor aos que eran os seus compañeiros.

Dimisión de Cabezas

No seu día xa dimitira o propio Cabezas, quen asegurara en campaña que non pactaría "xamais" con Jácome. Con todo, tras os comicios, os populares acabaron subscribindo un pacto co líder de Democracia Ourensana co que facilitaban que continuase como rexedor a cambio de que este fixese o propio coa Deputación, que preside o tamén líder do PP provincial, Luis Menor.

De correr a lista -aínda que o partido non confirma oficialmente que vaia ser quen entre-, o que estaría chamado a substituír a Michinel é Francisco Javier Rodríguez-Nóvoa, que o pasado foi tenente de alcalde de Cabezas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade