Publicador de contidos
Publicador de contidos

O PP aproba en solitario o seu plan para a comisión de contratos: estarán citados Rueda e Illa, pero non Feijóo

O PP aproba en solitario o seu plan para a comisión de contratos: estarán citados Rueda e Illa, pero non Feijóo

Para BNG e PSdeG, trátase dun "veto" claro por parte do grupo maioritario, que ten "algo que ocultar"

Comisión de investigación de contratos da Xunta, 8 de novembro de 2024. Europa Press
G24.gal 08/11/2024 18:50 Última actualización 08/11/2024 20:41

O PPdeG aprobou en solitario, cos votos en contra da oposición, un plan de traballo para a Comisión de investigación sobre a contratación pública da Xunta, no que non se inclúe a comparecencia do expresidente galego e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Para a oposición, BNG e PSdeG, trátase dun "veto" claro por parte do grupo maioritario no Parlamento porque ten "algo que ocultar" sobre os contratos realizados durante anos pola Xunta con empresas vinculadas con altos cargos do PP, nunha actitude que a líder da oposición, Ana Pontón, tachou de "antidemocrática".

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, acusou á oposición de querer ocultar "o grave problema de corrupción que está a asolagar o Goberno de España", e argumentou que o seu partido non vai contribuír nesta operación de "salvar ao soldado Sánchez".

O plan de traballo aprobado é o que propuxo inicialmente o PPdeG con case unhas 40 comparecencias, entre as que non se inclúen a de Feijóo, nin tampouco as da súa irmá nin o seu cuñado, nin a da parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; pero si a do exministro de Sanidade e presidente da Generalitat catalá, Salvador Illa.

Tras unha tensa reunión da comisión, na que os portavoces dos grupos expuxeron os seus argumentos, e mesmo o BNG reclamou contra a convocatoria urxente desta sesión, os grupos déronse un tempo para negociar e tentar chegar a un acordo, que despois de máis de media hora de conversacións, foi infrutuoso.

Pontón acusou o PP de tentar aplicar os seus "vetos" e "impoñer" o seu plan de traballo e cualificou de "chiste e falta de respecto aos galegos" que os populares consideren que o expresidente non ten que comparecer no Parlamento autonómico, pero si debe de facelo Illa.

"É un precedente moi perigoso para o funcionamento democrático dunha institución", lamentou, tras o que advertiu que o seu partido fará "o que faga falta" e vai continuar "ata o final" para investigar as "artimañas" do PP e que non consigan ocultar a súa "cacicada" aos galegos.

Para o PP, son BNG e o PSdeG o que tentan ocultar a "corrupción" do Goberno central, facendo unha "pasarela Hórreo", en referencia á rúa na que se atopa a sede do Parlamento galego, para obrigar a "desfilar a destacados apelidos para equiparalos ao desfile xudicial das tramas que rodean ao señor Sánchez", segundo o portavoz parlamentario popular.

Pazos tamén acusou o BNG de querer facer un "programa da cuore" por solicitar a comparecencia do mozo de Ayuso, Alberto González Amador, nunha especie de "Sálvame nacionalista" no que Pontón quere ser "a Karmele ou o Jorge Javier do BNG, á conta dos cartos dos galegos".

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Elena Espinosa tamén criticou o "veto" do PP á comparecencia de Feijóo e familiares e persoas vinculadas coas empresas adxudicatarias e preguntou: "Quen vai crer que esta comisión vale para algo se non hai un acordo de todos os grupos?" para o plan de traballo.

A resposta deuna ela mesma, ao considerar que con esta imposición do plan proposto polo PP "ponse o lobo a coidar das ovellas".

Espinosa foi moi crítica non só co fondo desta cuestión, senón tamén coas formas do PP para ordenar as reunións da comisión, do mesmo xeito que Pontón que cualificou esta actitude de "filibusteirismo parlamentario".

As diverxencias entre o PP e a oposición quedaron patentes ata na votación xa que se realizou ata catro veces, para que todos os grupos puideran pronunciarse sobre as propostas dos tres partidos políticos. A cuarta foi a proposta pola Mesa da Comisión, que é a mesma do PPdeG.

Nacionalistas e socialistas apoiáronse nas súas respectivas propostas e o PSdeG mesmo se abstivo na do PP, como mostra de que non queren "vetos" nesta comisión, segundo explicaron, pero votaron en contra do plan de traballo definitivo, que foi aprobado en solitario polo PPdeG.

Rueda, Illa e os conselleiros do bipartito

O plan de traballo aprobado polo PP inclúe a comparecencia do actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén pedida polos grupos da oposición. Tamén comparecerán todos os conselleiros de Sanidade e de Facenda, entre outros, tanto actuais como precedentes, incluídos os do anterior Goberno bipartito PSdeG-BNG.

En relación ao modelo de financiamento do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, unha das grandes contratacións a investigar nesta comisión, comparecerán varios responsables da área sanitaria de Vigo e persoal do hospital, así como responsables do Consello de Contas que fiscalizou o contrato de construción.

De feito, entre a documentación solicitada inclúese este informe, así como os das contas xerais de varios exercicios ou dos criterios de adxudicación de contratación menor das entidades instrumentais da Comunidade autónoma.

Tamén informes relativos ao uso dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e doutros fondos chegados desde a Unión Europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade