Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pequín responde aos EUA con aranceis do 84 %; Trump pide ás empresas que regresen

Pequín responde aos EUA con aranceis do 84 %; Trump pide ás empresas que regresen

Anuncia que entrarán en vigor este mesmo xoves e que toma a medida en resposta ao "repetido erro" estadounidense de aumentar os seus aranceis

Considera que os aranceis de Trump "vulneran gravemente os dereitos e intereses lexítimos da China" e "prexudican gravemente o sistema multilateral de comercio baseado en normas"

Trump despreza os países que queren negociar os aranceis: "Están a bicarme o cu"

Trump e Jinping, nunha imaxe de arquivo (REUTERS/Kevin Lamarque) Trump e Jinping, nunha imaxe de arquivo (REUTERS/Kevin Lamarque)
G24.gal 09/04/2025 14:43 Última actualización 09/04/2025 15:24

A China anunciou este mércores que elevará do 34 % ao 84 % os aranceis aos bens procedentes dos Estados Unidos en resposta ao gravame adicional do 50 % anunciado onte polo presidente dese país, Donald Trump, que alzaba ao 104 % o total das taxas aos bens chineses.

O Ministerio de Finanzas do país asiático indicou nun comunicado que o novo imposto entrará en vigor este xoves e que toma a medida en resposta ao "repetido erro" estadounidense de aumentar os seus aranceis á China.

Por outra banda, a carteira de Comercio engadiu tamén a 12 firmas estadounidenses á súa lista de control de exportacións, entre elas fabricantes de equipos e empresas de enxeñería, algunhas das cales están relacionadas con drons (BRINC), aeronáutica (Novotech), maquinaria (Marvin Engineering Company) e radares (Echodyne).

Así mesmo, incluíu a outras seis empresas á súa lista de entidades non confiables, entre as que destacan provedores de equipos militares como Cyberlux ou Sierra Nevada.

Estas restricións teñen como obxectivo impedir os intercambios en artigos de "dobre uso" civil e militar, destacou o comunicado da carteira comercial.

Trump ordenou este martes un arancel adicional do 50 % aos produtos chineses, que se suma a un 34 % previo e a outros gravames anunciados anteriormente, elevando o total de taxas sobre os bens chineses ao 104 %.

Anteriormente, Pequín anunciara un gravame do 34 % aos produtos estadounidenses despois de que Trump impuxese ese mesma porcentaxe aos bens chineses, aínda que tamén impuxo previamente outras taxas a produtos específicos do país norteamericano.

Trump asegurou que A China quere un acordo sobre aranceis "desesperadamente", pero considerou que non sabe "como empezar" a negociar e recalcou que a Casa Branca espera a chamada do líder chinés, Xi Jinping.

Pequín "loitará ata o final"

Pola súa banda, Pequín aseverou que "loitará ata o final" e que ten "unha vontade firme" e "recursos abundantes" para responder "con determinación" se os Estados Unidos insisten en "intensificar aínda máis as súas medidas restritivas económicas e comerciais".

O Ministerio de Finanzas aseverou este mércores no seu comunicado que os aranceis de Trump "vulneran gravemente os dereitos e intereses lexítimos da China" e que "prexudican gravemente o sistema multilateral de comercio baseado en normas".

O presidente de Estados Unidos volveu pedir este mércores ás grandes empresas do seu país que regresen aos EUA. para evitar a imposición de aranceis, "Este é un EXCELENTE momento para trasladar a súa EMPRESA aos Estados Unidos de América, como xa o están facendo Apple e moitas outras, en cifras récord", escribiu o mandatario estadounidense na súa rede social Truthsocial.

Nunha breve mensaxe, o xefe de Estado estadounidense prometeu hoxe a estas empresas "cero aranceis", "conexións e aprobacións eléctricas/enerxéticas case inmediatas" e que non sufrirán atrasos por cuestións ambientais. "Non espere, fágao xa!, conclúe a súa mensaxe, ao que seguiu outro breve co seu leitmotiv e lema das súas dúas lexislaturas: "Fagamos os Estados Unidos grandes de novo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade