Publicador de contidos
Publicador de contidos

A China presenta un plan de diálogo para a fin do conflito entre Rusia e Ucraína

A China presenta un plan de diálogo para a fin do conflito entre Rusia e Ucraína

Pequín insiste na necesidade de respectar "a soberanía e a integridade territorial" e "as preocupacións lexítimas de seguridade" de todos os países

A Delegación da Unión Europea (UE) en Pequín pediu que A China cumpra "coas súas responsabilidades especiais" como membro do Consello Permanente de Seguridade das Nacións Unidas e que "defenda os valores da Carta da ONU"

G24.gal 24/02/2023 07:34

A Chancelería chinesa presentou hoxe un documento en que explica en doce puntos a súa "postura para unha solución política á crise en Ucraína" e salienta a necesidade do "diálogo e as negociacións" e o "respecto á soberanía dos países".

"O diálogo e as negociacións son a única saída viable para resolver a crise de Ucraína", sinala o Ministerio nun documento publicado na súa páxina web, no que abunda nalgúns dos puntos repetidos por Pequín nos últimos meses e no que pide que a comunidade internacional "promova conversacións de paz".

Así mesmo, a Chancelería afirma que A China "está disposta a desempeñar un papel construtivo". "Os problemas complexos non teñen solucións simples", apunta o comunicado, que engade que os países teñen que abandonar "a mentalidade de guerra fría" e a "expansión de bloques militares", á vez que pide a construción dunha "arquitectura de seguridade europea equilibrada, eficaz e sostible". O documento asegura que "non hai vencedores nunha guerra" e reclama un cesamento do fogo e que todas as partes "manteñan a moderación" para evitar que a situación "saia de control".

Como xa vén declarando desde que comezou a invasión rusa de Ucraína, da que se cumpre hoxe un ano, Pequín insiste na necesidade de respectar "a soberanía e a integridade territorial" e "as preocupacións lexítimas de seguridade" de todos os países e insta a que todas as partes "defendan conxuntamente as normas básicas en que se basean as relacións internacionais". Pequín demanda ademais o cesamento das "sancións unilaterais", contra as que mostrou a súa oposición desde o inicio do conflito, por "non resolveren os problemas e por crearen outros novos".

O Ministerio expresa a súa oposición ao "uso ou ameaza do uso de armas nucleares" e avisa de que "unha guerra nuclear non se debe e non se pode librar", á vez que solicita "manter a seguridade das centrais nucleares" en Ucraína.

Así mesmo, a Chancelería indica que é necesario "resolver a crise humanitaria" con accións que "respecten os principios de neutralidade e imparcialidade", "garantir as exportacións de cereais" e "protexer civís e prisioneiros de guerra", apoiando os "intercambios de prisioneiros" entre Kíiv e Moscova.

Pequín pide ademais protección para "a estabilidade das cadeas industriais e de subministración" e reclama a todas as partes que "protexan a orde económica existente e se opoñan á politización e instrumentalización da economía mundial". Por último, A China comunica a súa disposición para "brindar axuda" nunha "reconstrución tras a guerra". Desde o estalido da guerra en Ucraína, A China mantivo unha postura ambigua dentro da cal pediu respecto para "a integridade territorial de todos os países", incluída Ucraína, e atención para as "lexítimas preocupacións de todos os países", en referencia a Rusia.

(Axencia EFE)

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade