Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta pídelle ao Goberno que concrete cando chegará a Galicia o AVE de baixo custo

A Xunta pídelle ao Goberno que concrete cando chegará a Galicia o AVE de baixo custo

Ethel Vázquez insta o Ministerio de Transportes a aclarar cando estarán operativos os trens AVRIL, imprescindibles para que a alta velocidade chegue á Coruña, Santiago e Vigo
 

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas
G24.gal 15/12/2021 11:20

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, pide información ao Goberno sobre a chegada a Galicia dos trens de baixo custo AVLO que xa operan entre Madrid e Barcelona. Uns convois que, segundo o presidente de RENFE, poderán entrar na nosa comunidade a partir do día 21, cando entre en servizo a nova rede de alta velocidade.

Ethel Vázquez lembra que a rede ferroviaria galega ten un ancho de vía que non é compatible co AVE e que só os trens AVRIL -ao ser de rodadura desprazable- poden cambiar de ancho para chegar a Vigo, A Coruña ou Santiago cando entran en Ourense.
Nunha entrevista na Radio Galega, a conselleira pedíalle ao Goberno que aclare cando estarán operativos.

"Gustaríanos que nos aclararan prazos para a chegada dos trens AVRIL porque o que precisamos é que a alta velocidade non chegue só a Ourense, senón que chegue tamén a Santiago, A Coruña e Vigo en tempos comprometidos e competitivos".

Ethel Vázquez pon en dúbida que o Goberno vaia construír a variante de Cerdedo tal e como asegura o alcalde de Vigo, Abel Caballero. A conselleira lembra que os propios técnicos do Ministerio poñen condicións a este trazado e apenas hai cartos consignados nos presupostos do estado: 200.000 euros para 2022 e ningunha partida prevista para os próximos anos.

"Non cadra que o alcalde de Vigo diga que o AVE por Cerdedo é imparable e incuestionable cando non vemos cartos consignados nos presupostos de 2022. Pedimos que se nos diga a verdade e se nos aclare o horizonte temporal desta actuación".

A Xunta aprobará no primeiro trimestre de 2022 a Lei do ciclo integral da auga

Na entrevista, a conselleira de Infraestruturas anunciou que o Goberno galego aprobará a finais de xaneiro ou principios de febreiro de 2022  a Lei do ciclo integral da auga, que pon a disposición dos concellos un novo modelo profesionalizado para xestionar e explotar este servizo. 

Ethel Vázquez confirmou que esta mesma semana contestarán as alegacións presentadas por unha trintena de organismos a este texto que será remitido ao Parlamento de Galicia tras a súa aprobación por parte do Consello da Xunta.

A conselleira nega que a lei suporá un encarecemento do recibo da auga, tal e como indicou a Fegamp. Lembra que os concellos que se adhiran a este modelo voluntariamente seguirán sendo tendo plena autonomía á hora de emitir as facturas.

"Desde a Fegamp trasladan cálculos erróneos e inverosímiles. Os concellos terán plena autonomía para decidir que modelo aplicar e que recibo emiten".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar