Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Corte de Apelacións de Washington rexeita paralizar a lei que podería vetar TikTok

A Corte de Apelacións de Washington rexeita paralizar a lei que podería vetar TikTok

A lei obriga á rede social a desvincularse da súa matriz, a chinesa ByteDance, que se vai prohibir no país o vindeiro 19 de xaneiro

A oficina central de TikTok nos EUA en California. REUTERS/Mike Blake/Foto de arquivo A oficina central de TikTok nos EUA en California. REUTERS/Mike Blake/Foto de arquivo
G24.gal 14/12/2024 08:55

Un tribunal de apelacións dos Estados Unidos rexeitou este venres paralizar a entrada en vigor dunha lei federal que obriga a TikTok a desvincularse da súa matriz, a chinesa ByteDance, que se vai prohibir no país o vindeiro 19 de xaneiro.

TikTok e ByteDance solicitaron unha pausa temporal o pasado luns despois de que tres xuíces dese tribunal se posicionaran a favor da lei, aprobada polo Congreso en abril e que obriga á rede social a desvincularse de ByteDance.

As empresas pediran esa medida cautelar para gañar tempo mentres preparaban unha apelación ao Tribunal Supremo para que revise o caso, e agárdase que a presenten proximamente ante a máis alta instancia xudicial do país, xa que o tempo aprema.

A Corte de Apelacións de Washington rexeitou a solicitude argumentando que o Congreso fixo unha "elección deliberada" ao establecer a súa data límite para a venda ou o veto de TikTok, suxeita a unha única extensión, de acordo co documento da decisión emitida este venres.

O Departamento de Xustiza pedíralle ao tribunal rexeitar a solicitude de TikTok aludindo aos "intereses clave de seguridade nacional subxacentes á lei".

A data límite ten unha forte carga simbólica, pois é o último día de Joe Biden como mandatario, xa que ao día seguinte, o 20 de xaneiro, o presidente electo, Donald Trump, será investido.

Este foi un dos argumentos da rede social no seu escrito, que considera que a paralización da lei é "especialmente apropiada" porque, segundo din, dará tempo á Administración entrante "a determinar a súa posición".

Influencia sobre a opinión pública

O Executivo de Biden e congresistas dos partidos Demócrata e Republicano aprobaron a norma movidos polo temor de que o Goberno chinés poida obter de ByteDance información sobre as persoas usuarias nos Estados Unidos e usar a súa influencia sobre a opinión pública.

Trump, pola súa banda, que tentou prohibir a plataforma durante o seu primeiro mandato (2017-2021), dixo, durante a campaña electoral, que se gañaba "salvaría TikTok nos Estados Unidos".

Con todo, non se pronunciou sobre o caso desde que foi proclamado gañador dos comicios presidenciais o pasado novembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade