O centrista Bayrou, novo primeiro ministro de Francia
O centrista Bayrou, novo primeiro ministro de Francia
A Francia Insubmisa anuncia moción de censura, pero os socialistas non a secundan
Aprobar os orzamentos, a súa prioridade máis urxente
Un 13 de decembro naceu Henrique IV, o rei que reconciliou católicos e protestantes no convulso século XVI francés. Un dos seus biógrafos é François Bayrou, que este 13 de decembro se converte en primeiro ministro galo con outra tarefa titánica por diante: a de conciliar os tres bloques que manteñen o país sumido na parálise política
"Ninguén coñece mellor ca min a dificultade da situación", admitía o novo primeiro ministro nada máis tomar posesión.
A súa primeira proba de lume será aprobar os orzamentos para 2025, un reto que acabou co seu antecesor Michel Barnier censurado pola asemblea francesa.
A extrema esquerda da Francia Insubmisa xa anunciou que tamén intentarán derrubar o novo primeiro ministro. Pero esta vez non os van acompañar os socialistas, dispostos a colaborar co novo executivo, aínda que sen entrar no Goberno.
Tampouco a extrema dereita promoverá "unha moción de censura a priori", tal e como anunciou o seu presidente Jordan Bardella.
François Bayrou é o cuarto primeiro ministro que ten Francia este ano. Ten 73 anos e unha longa carreira política de orixes conservadoras que nos últimos tempos derivaron cara a posicións máis centristas.
Foi alcalde de Pau, eurodeputado e candidato a presidente en 3 ocasións. Tamén foi ministro de Educación co conservador Eduard Balladour e de Xustiza con Emmanuel Macron.