A Coruña estrea en xaneiro o edificio que agrupa oficinas de Política Social e Emprego
A Xunta vai agrupar as oficinas das consellerías de Política Social e Emprego que ten espalladas na Coruña nun único edificio que se estrea en xaneiro. Trátase da antiga delegación de Sanidade, dos anos 70 e que estaba en desuso. Acaba de ser rehabilitada integralmente para acoller preto de 300 empregados públicos.
A obra custou sete millóns de euros, que a Xunta prevé amortizar en pouco tempo co que se aforrará dos alugueiros dos locais que ocupan ata agora. O Goberno galego calcula que cada ano vai deixar de gastar 750.000 euros en recibos de alugueiro das sedes que tiña na cidade herculina.
Nova arquitectura institucional
O novo edificio, que se chama Amizar a proposta do conselleiro de Facenda falecido, Valeriano Martínez, acollerá servizos de emprego, emigración, infancia e xuventude e asociacións da cidade.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, di que é un exemplo do que queren facer en toda Galicia, e non só por apostar por unha arquitectura "de nivel, funcional e austera".
"Podemos facer políticas patrimoniais sen aumentar o gasto e si investindo o gasto corrente en alugueiro en edificios titularidade da Xunta rehabilitados e que queden en propiedade da comunidade autónoma", dixo.