A Coruña prepárase para recibir a exposición de Helmut Newton, da Fundación Marta Ortega
A Coruña prepárase para recibir a exposición de Helmut Newton, da Fundación Marta Ortega
A mostra chega tras as exitosas exposicións dedicadas a Peter Lindbergh e Steven Meisel
Faltan dez días para que abra ao público a exposición que acollerá a obra do fotógrafo Helmut Newton, e nas instalacións portuarias da Coruña avanzan os seus preparativos. Este mércores ergueuse un monólito no espazo de acceso ao recinto. A mostra chega tras as exitosas exposicións dedicadas a Peter Lindbergh e Steven Meisel.
Os carteis espallados pola cidade anuncian a exposición do fotógrafo alemán Helmut Newton. Será a terceira mostra que a Fundación Marta Ortega trae á cidade da Coruña, da que se agarda que teña, cando menos, un impacto similar ás dúas anteriores.
No sector hoteleiro din que é cedo para facer estimacións sobre o impacto desta nova exposición, pero si que recoñecen a súa previsible repercusión. Sen poder establecer unha relación causa-efecto, Nuria Blanco, directora do Hotel Plaza, comenta que o seu establecemento rexistrou unha repunta de reservas coincidindo coa data de apertura da mostra.
Helmut Newton converteuse nun dos fotógrafos máis influentes da revista Vogue na década dos 70. A súa obra foi exposta en todo o mundo. A partir do día 18 poderá contemplarse na Coruña.