A cotización do rublo cae case un 30 % despois do endurecemento das sancións
A cotización do rublo cae case un 30 % despois do endurecemento das sancións
É a maior caída do rublo desde inicios da década dos 90 do século pasado
O Banco Central de Rusia eleva os tipos de xuro ata o 20 %
As principais bolsas europeas abren a xornada en negativo
O rublo ruso desvalorízase case un 30 por cento en relación co dólar e o euro despois do endurecemento das sancións por parte de Occidente en resposta á invasión de Ucraína.
A primeiras horas deste mañá a cotización da divisa rusa perdía algo máis dun 28 por cento do seu valor inicial fronte á moeda estadounidense e un 27 por cento en relación co euro. É a maior caída do rublo desde inicios da década dos 90 do século pasado.
O Banco Central de Rusia eleva os tipos de xuro ata o 20 %
O Banco Central de Rusia elevou os tipos de xuro desde o 9,5 ata o 20 % para apoiar a estabilidade financeira e protexer os aforros da poboación.
"O aumento dos tipos de xuro permitirá garantir o incremento dos intereses dos depósitos aos niveis necesarios para compensar as regas inflacionarios e de desvalorización", sinalou nun comunicado.
Tras constatar "cambios cardinais nas condicións externas", o regulador indicou que as futuras decisións sobre os tipos de xuro se adoptarán "despois de avaliar os riscos das condicións internas e externas, así como a reaccións a eles nos mercados financeiros".
As principais bolsas europeas abren a xornada en negativo
O parqué madrileño abriu a sesión deste luns cun descenso do 2,3 %, que levou o selectivo ata os 8.293 puntos, pendente das conversacións entre Ucraína e Rusia na fronteira de Bielorrusia e tras as ordes do presidente ruso, Vladimir Putin, de poñer en alerta máxima as súas forzas nucleares.
Co rublo en mínimos e o petróleo e o gas natural á alza, as principais bolsas europeas abrían a xornada en negativo: do mesmo xeito que Madrid, as prazas de París e Frankfurt deixaban máis dun 2 % e Londres cedía preto dun 1 %.
Dentro do Ibex 35, os bancos lideraban os descensos, con caídas do 4,4 % para o Banco Santander e descensos superiores ao 3 % para Sabadell, CaixaBank e BBVA.
O prezo do barril de petróleo de calidade Brent subía ás 09:22 horas un 3,7 %, ata os 97,57 dólares, mentres que o Texas colocábase nos 95 dólares, tras avanzar un 3,7 %. O prezo do gas natural aumentou un 3 %.