Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ucraína pide aos aliados defensas aéreas para protexerse de "novos riscos"

Ucraína pide aos aliados defensas aéreas para protexerse de "novos riscos"

Zelenski asegurou que o ministro de Defensa está mantendo reunións cos aliados para pedir novos sistemas

Rusia saca peito pola "demostración de músculo tecnolóxico" que supuxo o lanzamento do novo mísil balístico Oréshnik

Reuters Reuters
G24.gal 22/11/2024 20:18

O presidente ucraíno afirmou este venres que o ministro de Defensa xa está a celebrar reunións cos aliados para pedir novos sistemas de defensa aérea "capaces de protexer vidas de novos riscos", tras o lanzamento do novo mísil balístico Oréshnik por parte de Rusia.

"Hoxe averiguáronse máis detalles sobre o novo mísil que Rusia usou para atacar Dnipró. E daremos todos os detalles aos xornalistas e aos medios internacionais", dixo durante a súa alocución diaria. "O mundo debe saber a verdade e darse conta de que o único que non quere a paz é Rusia. É por iso que Rusia necesita unha escalada", subliñou Zelenski.

Fontes do Exército ucraíno avanzaran antes que Kíiv lle pedirá aos Estados Unidos que lle transfira armamento capaz de derrubar mísiles intercontinentais, como sistemas Patriot modernizados ou sistemas de mísiles Aegis. Ademais, Ucraína demandou este venres á OTAN unha reunión de urxencia en resposta ao lanzamento do novo mísil balístico por parte de Rusia.

Doutra banda, no seu discurso Zelenski criticou a suspensión da sesión deste venres do Parlamento, polas informacións dos servizos de intelixencia de que podía producirse un ataque contra a capital, e dixo que estas non poden usarse como "escusa". "Se non hai alarma aérea, o Estado, a industria, as embaixadas, todo o mundo debería seguir traballando", afirmou, despois de que o seu Goberno criticase esta semana o peche temporal de varias embaixadas, entre elas a española, polo risco de ataques.

"Isto afecta a todos, desde a Rada Suprema de Ucraína e outras estruturas e organismos do Estado ata os órganos administrativos das rexións e os municipios. Se soa a sirena, imos ao refuxio. E, cando non hai sirena, traballamos e prestamos servizo".

Rusia saca peito polo Oréshnik

O Kremlin asegurou que co lanzamento do novo mísil balístico Oréshnik, Rusia demostrou claramente a súa capacidade de resposta ante o emprego de armamento occidental de longo alcance contra o seu territorio.

"A parte rusa demostrou claramente as súas capacidades", dixo o portavoz da Presidencia, Dmitri Peskov.

Reunión da OTAN

Ucraína pediu este venres á OTAN unha reunión de urxencia en resposta ao lanzamento do mísil por parte de Rusia. A Alianza Atlántica xa convocou para o vindeiro martes na súa sede de Bruxelas unha reunión do Consello OTAN-Ucraína a nivel de embaixadores, para analizar a última escalada de Rusia na guerra.

O primeiro ministro polaco, Donald Tusk, asegurou en Varsovia que "a ameaza dun conflito global é grave e real", en tanto que o seu homólogo alemán, Olaf Scholz, cualificou de "horrible escalada" o lanzamento de Moscova dun novo mísil hipersónico.

A portavoz da OTAN, Farah Dakhlallah, subliñou que os aliados seguirán dando asistencia militar a Ucraína da mesma forma que o facían tras o lanzamento do mísil. "A despregadura desta capacidade non cambiará o curso do conflito nin disuadirá os aliados da Alianza Atlántica de apoiar a Ucraína", salientou en Bruxelas.

A intelixencia militar ucraína revelou este venres que o mísil puido lanzarse desde o complexo de Kedr, situado na rexión rusa de Astraján, e que tardou só 15 minutos en completar o milleiro de quilómetros de distancia entre o lugar de lanzamento e o obxectivo na cidade ucraína de Dnipró.

O mísil tiña seis cabezas de guiado con seis submunicións cada unha e a velocidade alcanzada no tramo final da súa traxectoria foi superior a Mach 11, é dicir, once veces a velocidade do son.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade