Publicador de contidos
Publicador de contidos

Principio de acordo para que Romanía e Bulgaria entren plenamente en Schengen en 2025

Principio de acordo para que Romanía e Bulgaria entren plenamente en Schengen en 2025

A decisión final tomarase no Consello de Xustiza e Interior do 12 de decembro

G24.gal 22/11/2024 13:18

Romanía e Bulgaria serán, con moita probabilidade, membros de pleno dereito do espazo Schengen de libre circulación a partir do próximo 1 de xaneiro, segundo anunciou este venres o Goberno de Hungría tras unha reunión informal de ministros do Interior en Budapest.

Sándor Pinter, ministro do Interior de Hungría, asegurou que con toda probabilidade o 31 de decembro terminará o proceso para que as fronteiras terrestres deses países, aínda excluídas de Schengen, se sumen tamén ás aéreas e marítimas, pero que a decisión final deberá tomarse no Consello de Xustiza e Interior do 12 de decembro.

Na reunión deste venres participaron tamén os ministros de Bulgaria, Atanas Ilkov; de Romanía, Cătălin Predoiu, e de Austria, Gerhard Karner, país que mantiña ata o de agora o seu veto á plena incorporación a Schengen. O ministro austríaco referiuse ao acordo de hoxe como "outro paso máis cara a un acordo" no que, insistiu, deberase tomar a decisión definitiva.

Austria mantiña ata o de agora a súa negativa ao considerar que Bulgaria e Romanía non estaban en condicións de garantir a seguridade das fronteiras no que se refire ao control migratorio, e pedira á Unión Europea que axudase a eses países.

Karner tamén dixo hoxe que os controis fronteirizos internos entre Bulgaria e Romanía manteranse durante certo tempo, mentres que o ministro húngaro sinalou que o acordo inclúe que se envíe un continxente conxunto de cen gardas fronteirizos á linde entre Bulgaria e Turquía.

 "A meta de Romanía era crear as condicións para que se chegue a un acordo no Consello (do 12 de decembro), para que aínda podamos tomar unha decisión en 2024", recalcou o ministro romanés.

Ylva Johansson, comisaria comunitaria de Interior, asegurou na rede social X que os cidadáns de Romanía e Bulgaria pertencen a Schengen e merécense beneficiarse das liberdades que trae ese espazo.

O Tratado de Schengen establece o levantamento dos controis nas fronteiras internas entre os seus Estados membros. Actualmente, o seu espazo, sen Bulgaria e Romanía, abarca 4,3 millóns de quilómetros cadrados e 423 millóns de cidadáns de 27 países europeos (23 socios da UE e 4 non comunitarios).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade