Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Eurocámara dá luz verde ás novas regras europeas de control de déficit e débeda

A Eurocámara dá luz verde ás novas regras europeas de control de déficit e débeda

A nova disciplina fiscal europea mantén os límites á débeda e o déficit público previstos, no 60 % e o 3 % do PIB, pero déixalles máis marxe aos países para elixir o ritmo do axuste e investir en transición verde, dixitalización ou defensa

Desde os Verdes e a Esquerda consideraron que estas regras son "unha camisa de forza" que condenan a unha "austeridade perpetua"

G24.gal 23/04/2024 13:48

O Parlamento Europeo aprobou este martes as novas regras europeas de disciplina fiscal, que obrigarán os países a reducir os seus niveis de débeda e déficit públicos, pero déixanlles máis marxe para elixir o ritmo do axuste e investir en transición verde, dixitalización ou defensa.

A reforma do chamado Pacto de Estabilidade e Crecemento, que consta de tres textos legais, saíu adiante con ampla maioría polo apoio do Partido Popular Europeo, Socialistas e Demócratas, liberais de Renew, e Conservadores e Reformistas, pero coa oposición dos Verdes e a Esquerda.

Tras o visto e prace do Parlamento, o último paso pendente para que as regras poidan entrar en vigor é que os Estados membros tamén as aproben formalmente, algo que prevén facer o vindeiro luns.

"Traballamos moito para corrixir as regras fiscais existentes, tan ríxidas que con frecuencia non foron aplicadas. O que conseguimos non é perfecto, é un bo compromiso", dixo o comisario europeo de Economía, Paolo Gentiloni, nun debate coa Eurocámara antes da votación.

A nova disciplina fiscal europea mantén os límites á débeda e o déficit público previstos, no 60 % e o 3 % do PIB, pero déixalles máis marxe aos países para elixir o ritmo do axuste e investir en transición verde, dixitalización ou defensa

As novas regras manterán os límites á débeda e o déficit público previstos nos tratados, no 60 % e o 3 % do PIB, respectivamente, pero darán máis marxe aos países para negociar as súas sendas de axuste coa Comisión Europea en plans a catro anos que poderán ampliar a sete se adoptan reformas e investimentos.

Pero tamén inclúen obxectivos comúns de recorte para garantir que non se postergan os axustes: os países que pasen o límite de débeda deberán reducila un punto porcentual cada ano cando supere o 90 % do PIB e medio punto se non chega a esa cota; e aqueles con un déficit interior ao 3 % terán que seguir corrixíndoo ata o 1,5 % para ter un "colchón" ao que poder recorrer en momentos de crises.

O eurodeputado do PPE Markus Ferber, relator da lexislación no Parlamento, considerou que estas regras supoñen "unha diferenza enorme" con respecto ás actuais, debido a que dan aos Estados "marxe para poder reaccionar e non entrar nunha crise de austeridade" pero evitan que se aprace a consolidación orzamentaria como ocorría coas anteriores.

"É a reforma que soñei? Non, non o é (...) pero para que unha reforma sexa efectiva ten que ser aceptada por todos e crible para cidadáns e mercados financeiros", dixo a socialista Margarida Marques, tamén negociadora do dossier, quen defendeu que as novas regras son "máis flexibles, transparentes, democráticas e progresistas" e cun forte compoñente social.

Pola contra, desde os Verdes e a Esquerda consideraron que deixan os Gobernos sen marxe para investir en obxectivos como a loita contra o cambio climático ou a protección social, en liña coas críticas vertidas por organizacións ambientais e os sindicatos.

"Votar a favor das novas regras é unha camisa de forza para todos os países da UE", dixo o copresidente dos Verdes, Philippe Lamberts, quen tachou a reforma de "lixo".

"Co voto de hoxe condénannos á austeridade perpetua", dixo na mesma liña a xefa de grupo da Esquerda, Manon Aubry.

Novo calendario fiscal

A falta de que os Estados membros dean pronto o visto e prace definitivo, o novo marco fiscal da UE altera levemente o calendario porque os gobernos xa non terán que enviar á capital europea os plans de estabilidade e converxencia que antes remitían a Bruxelas antes do 30 de abril.

O primeiro fito será a apertura de expedientes a aqueles países con déficit e débeda superior aos límites establecidos, un paso que Bruxelas prevé dar despois das eleccións europeas do 9 de xuño.

Durante o verán, as capitais manterán conversacións técnicas coas autoridades comunitarias sobre a traxectoria fiscal de cada país e todo este proceso cristalizará nuns plans nacionais de estabilidade que terán que remitir á capital europea para o 20 de setembro.

Tras isto, cada goberno deberá remitir os seus borradores orzamentarios para 2025 antes do 15 de outubro e a Comisión Europea verificará que estes cumpren coa senda orzamentaria pactada entre ambas as dúas partes. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade