Publicador de contidos
Publicador de contidos

A extrema dereita gaña a primeira volta das lexislativas francesas co 33 % dos votos

A extrema dereita gaña a primeira volta das lexislativas francesas co 33 % dos votos

A coalición de esquerdas da Nova Fronte Popular (NFP) obtivo o 27,99 % dos sufraxios

Algunhas sondaxes apuntan a unha posible maioría absoluta da ultradereita na segunda volta

Os de Le Pen falan de victoria "inapelable" e Macron fai un chamamento á unidade para frear a ultradereita

Os partidarios da Agrupación Nacional de Le Pen celebran a vitoria
G24.gal 01/07/2024 08:58

A Agrupación Nacional (RN) de Marine Le Pen conseguiu unha vitoria contundente e inédita na primeira volta das lexislativas en Francia co 33,15 % dos votos xunto aos seus aliados conservadores, segundo o Ministerio do Interior que publicou este luns os resultados provisionais.

A coalición de esquerdas da Nova Fronte Popular (NFP) obtivo o 27,99 %, onde se agrupan partidos de centro-esquerda e esquerda radical, dos sufraxios e constitúese así na segunda gran forza política, por diante da maioría saínte do presidente, Emmanuel Macron, que é a gran perdedora dos comicios co 20,04 %.

Os Republicanos, o partido da dereita clásica, que saltou polo aire por mor do pacto do seu presidente, Éric Ciotti, con RN, quedou cun 6,57 % de forma illada e co 10,23 % se se lle suman os votos doutros candidatos tamén de dereitas.

Nesta primeira volta, en que a participación alcanzou un nivel particularmente elevado do 66,71 %, xa resultaron elixidos 37 deputados de RN, 32 do NFP, dous do bloque macronista e tres para LR e os seus aliados.

Para a segunda volta, que se celebrará o vindeiro domingo, RN e os seus asociados van disputar 485 circunscricións das 577 que hai, e os seus candidatos acabaron na primeira volta en primeira posición en 297 delas.

Iso dá unha idea do potencial da extrema dereita, que todos os institutos demoscópicos preludian que será, con moita diferenza, o primeiro grupo político na próxima Asemblea Nacional.

A cuestión que está aberta é se será con maioría absoluta, é dicir con polo menos 289 escanos, que é a condición que puxo Le Pen e o seu candidato a primeiro ministro, Jordan Bardella, para formar Goberno.

Un dos tres grandes institutos de sondaxes contempla, dentro das súas proxeccións de escanos para o vindeiro domingo, esa hipótese dunha maioría absoluta dentro da pinza posible.

A coalición de esquerdas conseguiu que os seus candidatos cheguen á segunda volta en 446 circunscricións, aínda que en primeira posición unicamente en 157 delas.

Os seus líderes anunciaron que retirarán sistematicamente aos candidatos que terminasen en terceira posición e que teñan que concorrer cun de RN con posibilidades de gañar.

O bloque macronista teoricamente poderá disputar 319 circunscricións na segunda volta, pero só estaba en primeira posición en 69 delas.

Todo iso tense que concretar de aquí ao martes ás 18.00 horas, cando se pechará o prazo para a presentación de candidaturas para a segunda volta.

Unha vitoria "inapelable"

A vitoria do RN, a primeira nunhas lexislativas, é "inapelable", segundo o seu candidato a primeiro ministro, Jordan Bardella, que pediu unha mobilización para lograr a maioría absoluta na segunda volta. Marine Le Pen, ante uns afervoados seguidores no seu feudo electoral de Henin-Beaumont (norte), solicitou o voto o 7 de xullo para lograr esa maioría absoluta e que Macron non teña outro remedio que nomear ao seu discípulo como o próximo xefe de Goberno.

Para a ultradereita, que xa gañara as dúas últimas eleccións europeas pero xamais unhas lexislativas, ábrese agora a posibilidade de chegar ao Goberno co maior grupo parlamentario, mentres que na Cámara saínte tiñan unicamente 89 escanos.

Macron fai un chamamento á unidade e Melenchon di que retirarán candidatos na segunda volta se é necesario

A vitoria do RN, xa avanzada nas sondaxes, xerou un inmediato chamamento de Macron nun comunicado para formar rapidamente "unha ampla unión claramente democrática e republicana para a segunda volta", a fin de frear á ultradereita.

As palabras de Macron interpretáronse como unha consigna para que os candidatos que se clasificaron en terceira posición nas diferentes circunscricións se retiren e pidan o voto para evitar o triunfo dos da ultradereita.

Na mesma liña manifestouse o líder da formación esquerdista A Francia Insumisa (LFI), Jean Luc Mélenchon, un dos membros da Nova Fronte Popular e o dirixente esquerdista máis crítico con Macron. "En todas as circunstancias nosa consigna é clara: nin un voto de máis para o RN, nin un escano de máis para o RN", afirmou Mélenchon, quen anunciou que a súa formación retirará a candidatos na segunda volta se iso axuda a que non saiga elixido un candidato da ultradereita.

En cambio, o partido conservador Os Republicanos (LR), que saltou polo aire por mor da alianza co RN do seu presidente, Éric Ciotti, quen na práctica abandonouno, non quere decantarse por ningún dos dous grandes bloques, a extrema dereita e a esquerda. Nun comunicado, os baróns de RN que romperon con Ciotti pediron o voto para os seus propios candidatos cando poden presentarse na segunda volta e nas circunscricións onde non sexa posible, renuncian a dar consigna de voto, tras criticar con dureza tanto a LFI como a RN.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade