A Finca Mouriscade, en Lalín, acolle a terceira edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros
A Finca Mouriscade, en Lalín, acolle a terceira edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros
Ao longo de cinco días, os rapaces aprenden todo o relacionado co coidado do gando e co seu manexo.
Desde primeira hora da mañá, os pequenos póñense mans á obra na Finca Mouriscade. Realizan todo tipo de labores gandeiros.
Para aprender todos estes traballos participan na Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, que organiza a Federación de Frisoa Galega, en colaboración co Club de Xóvenes Gandeiros.
"Ensinámoslles como coller un animal, como andar con el, como preparar para un concurso, como facer as camas, lavar, domar... E cousas do día a día da granxa e como mirar o catálogo dun touro, as partes dunha vaca", conta Avelino Souto, presidente do Club de Xóvenes Gandeiros.
Óscar encárgase de ensinarlles a preparar as vacas na clase de tosquiado, para que o animal amose o seu mellor aspecto. Os nenos prestan moita atención a todas estas ensinanzas porque de maiores queren ser gandeiros.
Estes cursos teñen tanto éxito que decidiron convocar a nova edición, para que puidesen participar os rapaces que quedaron fóra na que se celebrou ao principio do verán. Pásano tan ben que, para a seguinte, seguro que algún repite.