O empresario do caso Koldo di que foi unha operación con pouca marxe de beneficio
O empresario do caso Koldo di que foi unha operación con pouca marxe de beneficio
A Fiscalía pídelle ao xuíz que prohiba saír de España ao empresario Juan Carlos Cueto, "a persoa que controla" a sociedade investigada
Bruxelas investiga se hai fondos europeos no caso Koldo
O empresario Juan Carlos Cueto, o presunto 'cerebro' da empresa á que se adxudicaron os contratos de máscaras que investiga a Audiencia Nacional, asegurou ao xuíz do 'caso Koldo' que tratou de axudar aos españois coa súa actuación e non aproveitarse da venda de material sanitario.
Juan Carlos Cueto, sinalado como "a persoa que realmente controla" a sociedade sobre a que pivota a investigación, Soluciones de Gestión, declarou este mércores durante apenas 20 minutos na Audiencia Nacional e defendeu os contratos investigados, segundo informan a EFE fontes xurídicas.
Cueto, que accedeu a responder unicamente a preguntas do seu avogado, indicou que o prezo foi xusto e que a súa intención nunca foi aproveitarse. O empresario asegurou que se tratou dunha operación ao servizo dos españois e para axudar en plena pandemia, en que houbo pouca marxe de beneficio económico, en concreto entre un 10 e un 13 %, segundo a súa versión.
"Dixo que súa intención non foi aproveitarse senón que era a de axudara España e aos españois", relatou Marta Castro, avogada da acusación.
Na súa declaración, o empresario detallou que se tratou dunha operación moi custosa e con moitas viaxes a China, nos que participarían empresas certificadoras españolas para dar conta do material do produto.
Fiscalía pide que se lle prohiba saír do país
Tras a declaración de Juan Carlos Cueto, o fiscal reclamou ao maxistrado que lle prohiba saír de España sen autorización xudicial. Unha medida á que non se opuxo nin o seu avogado nin as acusacións populares recentemente acudidas -PP e Vox-, xa que non tiveron aínda acceso á causa.
A Fiscalía Anticorrupción pediulle ao xuíz que lle prohiba saír de España sen autorización xudicial ao empresario Juan Carlos Cueto, sinalado como un dos cerebros do coñecido como caso Koldo.
A Fiscalía sostén que Soluciones de Gestión, á que se adxudicaron os contratos que se atopan baixo sospeita por uns 54 millóns de euros, "sería empregada como unha empresa instrumental nun proxecto común" entre Víctor de Aldama e Juan Carlos Cueto, que ten pendente outro procedemento -o caso Defex- na Audiencia Nacional.
Segundo o ministerio público, as adxudicacións investigadas "xeraron un beneficio económico" a De Aldama de 5,5 millóns de euros e a Cueto, "titular de feito da mercantil", de 9,6 millóns de euros. No tocante ao exasesor de Ábalos, a Fiscalía sostén que puido desempeñar un papel de intermediario ao achegar información sobre os procesos de adxudicación de material sanitario, que partirían do Ministerio de Transportes, a cambio de comisións.
Bruxelas investiga o caso Koldo
O caso Koldo tamén fixo soar as alarmas en Bruxelas, quen no seu posicionamento de "tolerancia cera contra a fraude" anunciou que "a comisión dará todos os pasos necesarios para protexer o orzamento da UE", polo que lle pediu á Oficina Europea contra a Fraude (OLAF) que investigue os contratos do caso Koldo para "determinar se hai fondos europeos".
Fontes da comisión aseguran que "estamos a seguir a situación detidamente" en contacto estreito co Ministerio de Facenda.