Publicador de contidos
Publicador de contidos

A inflación dá por fin un respiro, por María Loureiro

A inflación dá por fin un respiro, por María Loureiro

Volve pouco a pouco achegarse á zona do 2 % que ten como obxectivo o Banco Central Europeo

G24.gal 31/05/2023 07:39

O IPC interanual moderouse en España ata o 3,2 %, un dato que non se vía desde xullo de 2021, moito antes de que comezase a guerra de Ucraína, segundo informou o Instituto Nacional de Estatística (INE). 

Aínda que os prezos seguen sendo un problema notable, a inflación volve pouco a pouco achegarse á zona do 2 % que ten como obxectivo o Banco Central Europeo.

É máis, o Íde Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) de España (o índice que ten en conta o Banco Central Europeo e Eurostat), situouse no 2,9 % en maio, por baixo mesmo do indicador que utiliza en exclusiva o INE.

Deste xeito, a inflación interanual freouse ata o 3,2 % en maio, 0,9 puntos menos respecto á taxa rexistrada en abril, debido fundamentalmente ao abaratamento dos carburantes e, en menor medida, á moderación do prezo dos alimentos e as bebidas non alcohólicas. Co retroceso deste maio, a inflación volve aos descensos tras a suba de oito décimas que rexistrou en abril e que a situou no 4,1 %.

En resumo, os datos mensuais mostran cal pode ser a tendencia que sucederá no futuro próximo, que se verá fundamentalmente condicionada polos prezos de alimentos e polo prezo do petróleo. 

Canto á evolución do prezo dos alimentos frescos, e en especial dalgunhas categorías como froitas e verduras, é ben posible que o seu prezo siga subindo lixeiramente nos vindeiros meses debido á alza da demanda doméstica ocasionada polo turismo, xa que se espera un récord histórico de turistas en España, e tamén pola seca e peores condicións meteorolóxicas, que poden reducir moito nalgunhas zonas certas colleitas.

En termos de avaliación dos prezos enerxéticos, estes vanse ver condicionados por dous factores: a evolución dos prezos do cru e a produción de enerxía con fontes renovables. En canto á evolución dos prezos dun barril de petróleo producido pola Organización dos Países Exportadores de Petróleo (OPEP), é relevante lembrar que estes descenderon nun 33,39 % no último ano.

Con todo, e debido precisamente ao control da cantidade de petróleo posta no mercado por medio deste cártel, evítase que o prezo do petróleo se derrube. Isto xunto co aumento da demanda chinesa fará que o prezo do barril de petróleo poida chegar ata 90 dólares por barril a finais de 2023. 

Por outra banda, con respeto ao volume de produción de enerxías de fontes renovables, que xa supoñen o 47 % da enerxía que se produce España, este podería aumentar nos vindeiros meses, debido ao aumento da produción da enerxía fotovoltaica, co cal, nos vindeiros meses, e ata que polo menos teñamos establecida a excepción Ibérica en España, é esperable que os prezos da enerxía ou baixen lixeiramente ou polo menos non suban de xeito relevante.

En resumo, aínda que haberá que esperar, todo parece indicar que a inflación por fin está preto do límite do 2 %, obxectivo do Banco Central Europeo. A ver se realmente é así…

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar