A inflación non dá respiro, por Venancio Salcines
OPINIÓN
A inflación non dá respiro, por Venancio Salcines
Xa entramos na resaca de agosto. No verán, esgotados pola tensión pandémica, decidimos darnos un respiro e mirar para outro lado. Oxalá as cousas, por non velas, deran a volta. Pero non é así. As subas dos prezos recordan un día de forte tormenta. Busques o recuncho que busques, a auga encóntrate e empápate.
A estabilización do prezo do petróleo e unha posible apreciación do euro, froito dos novos xuros, mais altos, daranos osíxeno. Modera a inflación xeral e tranquilizará a opinión pública, aínda que a outra, a mais informada, o que observa realmente é a subxacente. O índice que fala da suba dos prezos deixando fora a enerxía e a alimentación vencellada ao clima, como é a horta, froita, hortalizas, aceites… E esta vai en máximos.
Para meter os prezos nunha senda correcta requirimos de varias cousas, pero unha delas é clave, reducir os prezos da enerxía eléctrica. E para acadar este obxectivo temos, por un lado, que modificar o sistema tarifario actual e, por outro, obter gas a prezos prepandémicos.
Dito isto, quizais sexa bo recordar que España ten reservas de gas para corenta anos. Pero non podemos tocalas porque se extraerían polo sistema de fracking, e esta técnica non ten a bendición dos grupos ecoloxistas españois. Pouco importa que o gas licuado que chega ás nosas costas, proveniente dos EUA, sexa obtido por esa técnica. Os ianquis de Colorado poden facelo; os de Soria, non.
O que é evidente é que as enerxías renovables non son garantía ó 100%. No pasado inverno, en días curtos de luz, co ceo pechado de espesas brétemas e sen vento, non foron capaces de pasar do 7 % da súa capacidade instalada. O que nos leva a entender que as renovables nunca achegarán a independencia enerxética total. Failles falta sempre un caxato en que poder apoiarse. É dicir, teñen que convivir co gas ou coa enerxía nuclear, ou con ambas. O que se decida, teña claro que con toda a seguridade afectará á súa economía.