A borrasca Herminia fai que comece a escasear o peixe de litoral nos mercados
Comezan a subir os prezos pola escaseza de produto por mor do amarre da frota costeira
O temporal afecta tamén a cesta da compra. Hai menos peixe de baixura e os prezos nos mercados comezan a resentirse. O amarre da frota costeira por mor do temporal Herminia fai difícil atopar peixe do litoral. Os profesionais recoñecen que "cando hai temporal sempre hai menos variedade e un pouco máis caro porque hai máis demanda". Segundo Laura Fernández, "hai un pouco menos de peixe, porque os barcos de aquí da costa non saen, pero os barcos do Gran Sol chegan perfectamente e algo de peixe hai, sempre hai algo", remata.
Os prezos tamén comezan a notar os efectos de Herminia. E máis que o farán.
Javier Ramilo, de Pescados La Raspa, conta que "esperabamos que subise máis de prezo, pero case nada, un pouquiño. Hai que ter en conta que as semanas pasadas estaba moi caro o peixe. Baixou un pouco a finais da semana pasada e agora subiu un pouquiño, imaxina que subise máis o mércores ou xoves a finais da semana pasada".
Pero os consumidores están curados de espanto:
"Escaso e caro, e antes do temporal tamén. Agora está todo caro, filla, non se merca barato, pero vaia, o importante é que sexa fresquiño", comenta una muller. Outro quéixase de que "dende Noiteboa todo está caro, e non pode ser así".
Polo momento os prezos no Mercado do Calvario en Vigo oscilan entre os catro euros do quilo de chinchos e oito polo do rapante ata os case 19 euros aos que se pode mercar salmón.