O Catálogo de patrimonio cultural do litoral de Galicia detallará os usos actuais e futuros da costa
O Catálogo de patrimonio cultural do litoral de Galicia detallará os usos actuais e futuros da costa
A Xunta acorda as primeiras medidas para cando asuma a competencia do litoral
A administración autonómica implantará un procedemento único para axilizar permisos
O Consello da Xunta acordou este luns dar os primeiros pasos na aplicación práctica das competencias sobre o litoral. Tras o acordo de transferencia asinado o mércores pasado co ministro de Administración Pública, Ángel Víctor Torres, está previsto que a administración galega tome o control sobre esta competencia o próximo 1 de xullo.
Así, unha das primeiras accións que anuncia o Goberno galego é a elaboración do primeiro Catálogo de patrimonio cultural do litoral de Galicia.
Ademais, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén detallou os recursos humanos e materiais que o Estado vai transferir a Galicia: 36 traballadores, 11 vehículos, 1,2 millóns anuais para a xestión, e un pagamento único de 700.000 euros.
Segundo detallou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, o catálogo permitirá detallar os bens e os seus usos autorizados, así como tamén establecer os usos compatibles cos orixinais que poidan desenvolver no futuro.
A conselleira explicaba que as medidas a levar a cabo nestes días marcan "a folla de ruta para os primeiros meses" de aplicación do litoral como única comunidade cunha norma integral para a xestión do seu litoral.
"Galicia vai levar a cabo a xestión e ordenación de 1,6 millóns de hectáreas do seu territorio, un total de 86 concellos", detallaba a Vázquez: "1,5 millóns de galegos veranse afectados".
Un procedemento único para axilizar permisos
Entre os plans da Xunta, co fin de dotar os procesos de maior axilidade, está o de regular un procedemento único para todas as autorizacións administrativas e títulos habilitantes na costa.
"Falamos de autorizacións de usos de tempada en praias, de ocupación do dominio público marítimo-terrestre, ou en zonas de servidume de tránsito e acceso ao mar, entre outras", detallou a conselleira.
"Vemos prioritario ter un rexistro porque ata o de agora sempre tivemos moitas dificultades como comunidade para coñecer de primeira man todas as concesións", explicou Ánxeles Vázquez, quen incidiu en que este será efectivo cando a Xunta teña na súa poder "todos os expedientes" que ten que recibir do estado (para facilitalo creouse unha comisión con representantes de ambas as administracións). Iso si, "non están dixitalizados" e, por tanto, "levará un tempo".