Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lei de paridade: "Pasamos de recomendacións a obrigas que permitan alcanzar a igualdade"

Lei de paridade: "Pasamos de recomendacións a obrigas que permitan alcanzar a igualdade"

A lei de paridade establece unha cota de mulleres para órganos de Goberno que deberá garantir que o 40 % dos seus compoñentes sexan mulleres

As empresas terán que adaptarse para cumprir coa lei de paridade

Nadia Calviño (EFE/Fernando Alvarado)
G24.gal 07/03/2023 09:03 Última actualización 07/03/2023 14:56

O Consello de Ministros aprobou en primeira volta o anteproxecto de Lei de paridade na véspera da celebración este mércores 8 de Marzo do Día Internacional da Muller. "Pasamos de recomendacións e boas prácticas a establecer obrigacións que permitan alcanzar a igualdade de xénero efectiva en ámbitos de decisión política e económica", sinalou a vicepresidenta e ministra de Economía, Nadia Calviño, encargada de presentar o texto.

Ademais, puntualizou que a futura lei establecerá que os gobernos deberán rexerse polo principio de "presenza equilibrada" de mulleres e homes. "Disponse que o Goberno de España tamén terá que rexerse polo principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, un principio que cumpre con fartura noso Goberno pero que non pode depender da discrecionalidade do presidente ou presidenta do Goberno, en cada caso", subliñou.

A norma, que segundo Calviño vai "máis alá" da transposición dunha directiva europea, incluirá tamén a obrigatoriedade das chamadas 'listas cremalleira' na lei electoral e á paridade en ámbitos como as xuntas de goberno dos colexios profesionais e nos xurados de recoñecemento público ás personalidades.

"Aproveitar o cento por cento do talento feminino"

Unha norma que o Goberno ve necesaria por razóns de xustiza social, pero tamén de racionalidade económica. "Temos que aproveitar o cento por cento do talento feminino para mellorar a produtividade das empresas e ter un crecemento máis forte e máis sostido no tempo".

A futura lei establece unha cota de mulleres para órganos de Goberno como o Consello de Ministros e outros espazos de toma de decisións como a dirección de grandes empresas, que deberán garantir que o 40 % dos seus compoñentes son mulleres.

Concretamente, estarán obrigadas a cumprir con esta porcentaxe todas as empresas cotizadas ou entidades de interese público con máis de 250 traballadores e 50 millóns de volume de negocio anual, así como as xuntas de gobernos dos colexios profesionais e os xurados que concedan premios financiados con diñeiro público.

Para iso, as empresas cotizadas teñen de prazo ata o 1 de xullo de 2024, mentres que as empresas con mais de 250 traballadores e cunha cifra anual de negocios superior a 50 millóns de euros contarán ata xullo de 2026.

Calviño subliñou que os postos de alta dirección deberán "axustar" os procesos de selección para que se alcance este obxectivo e lembrou que na actualidade, a presenza de mulleres nos consellos de administración das sociedades cotizadas en España non chega ao 30 % e está por baixo do 20 % no caso dos postos de alta dirección.

A proposta de Sánchez, lanzada a fin de semana durante un acto do PSOE para celebrar o 8M, suscitou críticas na dereita, que a tacha de electoralista.

A oposición pide acordar a lei cos axentes sociais

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, instou a Sánchez a "non impoñer aos demais a paridade, senón a si mesmo", e criticou que o Executivo presentase como unha "gran novidade" unha lei que unicamente cumpre coa obrigación de traspoñer unha directiva europea que foi proposta polo Partido Popular Europeo.

Así mesmo, a portavoz dos populares no Congreso, Cuca Gamarra, sinalou que unha lei como esta debe ser acordada no Parlamento e cos axentes sociais, xa que afecta o ámbito empresarial.

Desde Vox, a portavoz adxunta do partido no Congreso, Inés Cañizares, tachou a norma de "propaganda sectaria" e rexeitouna porque, nas súas palabras, o Goberno non pode dar "moitas leccións polo bo trato ás mulleres".

Pola súa banda, a portavoz nacional de Ciudadanos, Patricia Guasp, defendeu a meritocracia como forma de chegar aos postos de decisión, e considerou que a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres non se consegue con cotas senón con políticas eficaces e eficientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade