A lei galega de prevención de adiccións podería entrar en vigor antes de fin de ano
A lei galega de prevención de adiccións podería entrar en vigor antes de fin de ano
É a lexislación coa que a Xunta quere prohibirlle á poboación menor o uso dos cigarros electrónicos
Tamén incluiría limitacións na publicidade e na venda de bebidas enerxéticas
Case a metade dos adolescentes de entre 14 e 18 anos vaporeou algunha vez e o 20 % faino todos os días. O goberno galego quere equiparar o cigarro electrónico ao tabaco para evitar que este sexa o primeiro paso ao consumo doutras substancias aditivas.
"A lexislación vai por detrás intentando limitar eses usos porque sabemos que son prexudiciais. Inténtase vender que poden axudar a deixar de fumar pero iso non está demostrado, ao contrario, pensamos que incitan a dar o paso ao tabaco".
Especialistas en Saúde Pública afirman que o vaporeo pode ser tan prexudicial coma o tabaquismo.
"Vaporear non está asociado ao vapor de auga. Son aerosois, teñen saborizantes, aromatizantes, que son prexudiciais. É química. Como ves un fume branco parece vapor, pero non o é".
A lei galega podería entrar en vigor antes de que remate este ano. E ademais dos cigarros electrónicos tamén quere limitar a publicidade das bebidas enerxéticas e prohibir que se vendan a menores de 18 anos.