A neve complicou a circulación da montaña e as ondas chegaron aos 8 metros
Máis de 200 raios nas últimas horas
Chegou nevar en lugares situados a pouco máis de 700 metros
O aviso laranxa no mar continuará tamén este xoves
A cicloxénese Barra puxo en alerta distintas vilas galegas polo risco de rebordamento dos ríos que pasan preto das vivendas en lugares como Pontecaldelas, San Sadurniño, Ortigueira ou Viveiro.
O río Verdugo saiuse do seu cauce en Ponte Caldelas e anegou parte do paseo. Os propietarios de varios vehívulos aparcados na zona tiveron que retiralos para evitar que acabasen baixo a auga. É o primeiro rbordamento do outono e non colleu por sorpresa aos veciños.
A intensa chuvia tamén deixou rúas anegadas en Ortigueira e mesmo incidencias na circulación. Na provincia de Pontevedra, en Soutomaior, Protección Civil tamén tivo que retirar árbores e pedras en varios camiños e evitar varios anegamentos.
Treboadas e case 200 raios
Nas últimas horas caeron en Galicia máis de 200 raios, un deles nesta casa de Rianxo, na parroquia de Taragoña. O raio entrou polo tellado e afectoulle á instalación eléctrica e á fachada, aínda que por fortuna non houbo danos persoais.
Outro raio impactou no aeroporto de Alvedro, na Coruña. Como resultado, quedou inoperativo por varios días o sistema ILS, que permite aterrizar con pouca visibilidade.

A neve complicou a circulación na montaña
Segue o aviso amarelo nas zonas altas de Lugo e Ourense, onde as intensas nevaradas provocaron incidencias mesmo nas estradas principais. Incidencias que foron especialmente intensas ao longo da mañá e que arestora mantéñense en lugares como Pedrafita do Cebreiro.
Neste concello lugués Tráfico recomenda circular con precauciíon pola Autovía do Noroeste, mentres que no alto do Poio continúa prohibido o paso de vehículos pesados por mor das fortes nevaradas rexistradas nesta xornada.
Chegou nevar en lugares situados a pouco máis de 700 metros, provocando problemas na montaña de Ourense, en lugares como A Mezquita ou Manzaneda, e sobre todo na de Lugo. A Aemet mantén o aviso amarelo ata a vindeira madrugada, pero a cota de neve vaise situar xa por riba dos 1.200 metros.

Aviso laranxa no mar e ondas de ata 8 metros
A alerta laranxa no litoral vaise estender a este xoves previsiblemente e quedará rebaixada a amarela o venres. Tanto é así que hai concellos como o da Coruña que pechou o acceso á praia de Riazor.
E é que como recomenda o 112 en días dun temporal de ventos tan fortes coma este convén afastarse dos paseos marítimos, praias, rompentes e diques, non pararse a quitar fotos e, desde logo, non saír navegar.
Esto sábeno ben os mariñeiros de portos coma Cedeira que co temporal deixan a frota amarrada.