Volve a neve á estación de Manzaneda, que vive un domingo concorrido
A neve callou por riba dos 1.200 metros o que permitiu abrir dous remontes e unha pista para o esquí
Ata as instalacións achegáronse numerosos amantes da neve, moitos chegados desde Portugal
Desde a dirección agardan que siga nevando esta semana e poder pechar a temporada con neve
A borrasca Jana trouxo esta fin de seman a neve ás montañas máis altas da provincia de Ourense, nevou en Pena Trevinca, o teito de Galicia a máis de 2.100 metros de altitude, pero tamén nevou en Manzaneda, dabondo para poder abrir o domingo a estación de montaña.
Despois dun sábado con moito vento, chegáronse a acadar os 108 quilómetros por hora, o domingo puideron abrir as instalacións. A neve callou e cun espesor de entre 5 e 10 centímetros abriron dous remontes e unha pista cunhs 900 metros esquiables.
Ata a estación de montaña de Manzaneda, a única en Galicia, achegáronse numerosos afeccionados ao esquí, moitos viñeron desde Portugal, e tamén moitas familias de todos os puntos de Galicia.
Os que máis gozaron foron as nenas e os nenos que puideron tirarse unha e outra vez polas ladeiras do monte nas súas zorras. Para algúns era o seu primeiro contacto coa neve e estaban encantados xogando.
Segundo nos contou o director das instalacións, Víctor Picos, di que agardan que siga nevando estes días e que poidan manter a neve ao longo desta semana. Un desexo compartido polos amantes da neve.